SANIDADE
O BNG anima a participar na manifestación deste domingo de SOS Sanidade Pública contra os recortes en atención primaria
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a deputada parlamentar Iria Carreira realizaron un chamamento á poboación de Santiago de Compostela a acudir á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para este domingo 14 de novembro, con saída ás 12:00 da alameda, “para reclamar melloras na atención primaria, que sofre un ataque do PP con falta de recursos humanos e materiais”.
En declaracións aos medios na entrada do centro de saúde de Galeras, Goretti Sanmartín advertiu da falta de profesionais da sanidade en atención primaria e dos recortes de Feijóo, pois o Orzamento da Xunta de 2022 para Sanidade só destina o 12% para atención primaria, 2 millóns de euros menos que en 2020 e 47 millóns menos que no exercicio 2009. Precisamente, o BNG recibiu queixas de que no centro de saúde de Galeras faltan profesionais que non se cobren.
Ademais, lembrou que o Goberno local de Santiago segue sen convocar o Consello Municipal de Saúde, “cando a sanidade en Compostela padece unha situación deficiente e recibe queixas constantes por falta de persoal sanitario, con demoras e problemas de infraestruturas”. “Este consello municipal só se reuniu neste mandato o 6 de outubro de 2020 cando debe ter unha periodicidade obrigada cuadrimestral, polo que reclamamos a súa convocatoria urxente”, engadiu.
Pola súa parte, a deputada Iria Carreira animou a participar na manifestación deste domingo “ante as políticas do Goberno da Xunta de destrución da sanidade pública, que sofre máis dunha década de recortes e de limitación orzamentaria que traen esta situación dramática”.
“Temos o exemplo máis paradigmático na atención primaria, que está afogada e colapsada con profesionais exhaustas, nunha situación que non é nova nin sobrevida despois da pandemia, pois en 2018 houbo unha folga por estes motivos que agora se ven agravados”, sinalou. A atención primaria adoece de falta de recursos profesionais e materiais, que provoca a marcha de persoal sanitario pola política de contratación da Xunta “que é cada vez máis precaria”. Así, explicou que a Xerencia recorre á figura da “obrigatoriedade para cubrir as vacantes, mediante burofaxes, para cubrir os ocos que quedan e son engadidos á xornada habitual, o que constitúe unha sangría para a sanidade pública”.