Apróbase no Pleno a moción para facer unha campaña de apoio ao comercio de proximidade e fomento de produtos galegos

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
Acordouse un cambio na Ordenanza de Circulación para incluír propostas da asociación Composcleta para favorecer o uso da bicicleta
Apróbase no Pleno a moción para facer unha campaña de apoio ao comercio de proximidade e fomento de produtos galegos

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020.- O BNG conseguiu converter en moción conxunta e aprobar por unanimidade a iniciativa para que o Concello de Santiago de Compostela desenvolva unha campaña para apoiar o comercio de proximidade e fomentar a compra de produtos galegos coincidindo coa tempada de agasallos de Nadal. As compras de Nadal constitúen unha boa oportunidade para darlle forma práctica e didáctica á defensa da nosa artesanía, música, libros, xoguetes non sexistas e unha cantidade de produtos que se crean directamente no noso país e, polo tanto, redundan na nosa economía. Isto ademais debe ir complementado cunha oferta actividades de conciliación e de descontos nos aparcadoiros.

Outra das iniciativas do BNG foi destinada a modificar e actualizar a Ordenanza de circulación e uso da vía pública para favorecer a utilización da bicicleta concibida como un vehículo alternativo, ademais de incluír medidas desde a perspectiva da defensa dunha mobilidade sustentábel. Para iso, propuxo crear unha comisión integrada por representantes dos grupos municipais, persoal técnico e asociacións de referencia no ámbito da mobilidade na cidade, como Composcleta. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE votou en contra.

Transcorridos máis de 20 anos desde a entrada en vigor desta ordenanza, a mobilidade en Santiago de Compostela cambiou de xeito substancial, tanto polo crecemento de determinados barrios como pola transformación social no relativo a uso e modelos de transportes, aparcadoiros, hábitos de vida, fluxos de entrada e saída da cidade e xeitos de desprazamento. A intención é que inclúa o regulamento necesario para a creación de vías sinalizadas para facilitar o uso de bicicletas, que resultan idóneas para contribuír a reducir a proliferación de vehículos privados a motor, na procura de contar con medios de transporte sustentábeis que tamén favorecen a saúde física e mental das persoas usuarias.

Prevención do suicidio, terceira causa de mortalidade das mulleres

O BNG tamén defendeu unha proposición para elaborar unha campaña de prevención do suicidio, que é a terceira causa de mortalidade de mulleres en Compostela, xunto cun Programa de Intervención Intensiva da Conduta Suicida na área de Santiago de Compostela, por parte da Xunta, para que conte cun equipo específico de persoal sanitario e os recursos humanos e económicos necesarios neste ámbito. Aprobouse cos votos de BNG, CA e PSOE; o PP abstívose.

Ante as circunstancias socioeconómicas actuais no contexto da pandemia da covid-19, ante un previsible aumento de problemas de saúde mental no noso país e tamén do número de suicidios nos próximos anos, faise necesario poder acceder a datos máis próximos no tempo para unha intervención máis eficaz, así como adoptar medidas urxentes de cara á prevención deste tipo de condutas no concreto, e de cara á mellora da atención á saúde mental.

Programa de conciliación de Nadal e aparcadoiros para os Concheiros

Outra moción do BNG foi destinada a que se duplique e estenda a máis centros a oferta de prazas para o programa de conciliación de Nadal co fin de que se imparta en máis espazos públicos, cunha redución do prezo das actividades para nenos e nenas en idade escolar, e co obxectivo de favorecer as políticas de igualdade e de apoio ás familias. Este programa de conciliación de Nadal, no actual contexto de pandemia, resulta máis necesario que en anos anteriores, tanto pola mudanza do sistema de traballo como polas necesidades de lecer, convivencia e alimentación nalgúns casos. Aprobouse esta moción cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.

Ademais, o PSOE abstívose na moción do BNG -que saíu aprobada cos votos do BNG, CA e PP- para que se habiliten máis prazas de aparcadoiro destinadas a residentes do barrio dos Concheiros, co estudo de alternativas como na rúa de Bonaval, na Costiña do Monte e Rodríguez de Viguri, como reclama a veciñanza da zona, que trasladou a súa preocupación pola redución de 80 prazas de aparcadoiro que figuran no proxecto da obra de remodelación deste barrio, posto que a maioría dos edificios desta zona non dispoñen de garaxes. Deste xeito, fixo constar que coa ampliación do aparcadoiro de Altiboia a carón do Conservatorio Profesional de Música, que era algo demandado e que propuña o BNG, e a nova bolsa para veciñanza en Triacastela resultan insuficientes para compensar as prazas en superficie que se perdan na humanización de Concheiros, tendo en conta que xa existía demanda nesas áreas previamente á reforma dos Concheiros.




 

Apróbase no Pleno a moción para facer unha campaña de apoio ao comercio de proximidade e fomento de produtos galegos