PLENO

O BNG reclámalle ao alcalde maior sensibilidade cos colectivos de diversidades funcionais que exclúe do contrato de xardinería

Reunión con Cegasal
Reunión con Cegasal
“Isto supón un paso atrás no compromiso do Concello de Santiago de Compostela co tecido asociativo de ámbito social”, advirte Goretti Sanmartín
O BNG reclámalle ao alcalde maior sensibilidade cos colectivos de diversidades funcionais que exclúe do contrato de xardinería

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, proporá no Pleno que o Goberno local teña vontade de realizar unha reserva para centros especiais de emprego para iniciativa social sen ánimo de lucro nos procedementos de contratación, toda vez que non realizou un lote de reserva directa nos pregos para a licitación do contrato de mantemento de parques e xardíns.

Goretti Sanmartín e Navia Rivas mantiveron unha reunión con José Antonio Vázquez Freire, presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal), á vista de que o Goberno local excluíu do procedemento a reserva dun lote para entidades como ASPAS, Dixardín ou Erick que prestaban este servizo en diferentes zonas verdes da cidade.

“Estes colectivos teñen acreditada a súa experiencia e bo facer na promoción do emprego de calidade tanto de persoas con discapacidade como en situación de risco de exclusión social e agora quedarán á marxe da contratación co Concello de Santiago ante a falta de sensibilidade deste Goberno local”, sinalou Goretti Sanmartín.

“Isto supón un paso atrás no compromiso do Concello de Santiago de Compostela co tecido asociativo de ámbito social”, advertiu. Deste xeito, o BNG empraza o alcalde a rectificar esta medida e a ter maior sensibilidade co labor destes colectivos sociais.

Cómpre lembrar que este contrato de mantemento de parques e xardíns sae cun importe base de licitación de 3.520.881,54 (sen IVE) e que a Lei de Contratos determina que entre o 6% e 8% deben ser prazas para persoas con diversidades funcionais, para o que Cegasal, que conta con 1.600 persoas asociadas, reivindica que sexa baixo a modalidade dos centros especiais de emprego para iniciativa social sen ánimo de lucro, co fin de que reverta directamente no pagamento de salarios por convenio e en fins sociais.

O BNG reclámalle ao alcalde maior sensibilidade cos colectivos de diversidades funcionais que exclúe do contrato de xardinería