PLENO
Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG para dotar de orzamento e aplicar o Pacto polo Rural
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021.- O grupo municipal do BNG conseguiu aprobar, por unanimidade, unha proposición para que o Goberno local do PSOE aplique as medidas do Pacto polo Rural a que se comprometeron en 2019 todos os grupos políticos coa Ferusa, co fin de encamiñar os Orzamentos municipais de 2022 e seguintes á consecución das prioridades do asociacionismo veciñal para corrixir as deficiencias en servizos básicos. Ao abeiro desta iniciativa, interveu no Pleno Cruz Vázquez, en representación das asociacións veciñais do rural.
Segundo explicou Goretti Sanmartín na súa intervención, non chega con dedicar exclusivamente os fondos do Plan de Obras e Servizos (POS +) da Deputación da Coruña, senón que o Concello de Santiago ten que asignar unha cantidade orzamentaria, ano a ano, para que sexa unha realidade o Pacto polo Rural. Entre os obxectivos está conseguir un reequilibrio territorial e paliar o déficit histórico de investimentos naqueles barrios e parroquias que, con prioridade, carecen de servizos básicos como saneamento e abastecemento, ademais de melloras na recollida selectiva de residuos, liñas e frecuencias adecuadas de transporte urbano, sinalización e marquesiñas de autobús, accesibilidade, actividades socioculturais e medidas de conservación do patrimonio, entre outras.
“Aínda que sexa tarde, o BNG felicítase de que o PSOE acepte este compromiso e esixe que se dediquen os orzamentos ás prioridades que di a Ferusa en canto a saneamento e abastecemento e demais servizos básicos e non ao que decide pola súa conta o Goberno local”, engadiu. O BNG considera positivo que agora se comprometan a destinar 1 millón de euros, mais o acordo inicial eran 2,5 millóns anuais nun período de 8 anos para o cumprimento deste Pacto polo Rural.
Obras dos Concheiros
Aprobouse tamén a iniciativa do BNG, cos votos a favor de BNG e CA e as abstencións de PP e PSOE, para abrir unha canle de diálogo coa asociación veciñal “A Xuntanza” e coa veciñanza en xeral para consensuar o que resta do proxecto de obras dos Concheiros, así como os materiais a empregar e a revisión das calidades antes de recepcionar os traballos. Ademais, no punto segundo acordouse que o Goberno local adopte todas as medidas necesarias para minimizar as molestias causadas á veciñanza en canto a ruído, po, tránsito peonil e accesos a vivendas e estabelecementos comerciais e hostaleiros. Mediante o punto terceiro, o Goberno local deberá pór en marcha un plan de reactivación económica para os sectores afectados polas obras dos Concheiros, como reclama a asociación veciñal “A Xuntanza”.
Na súa intervención, a concelleira Navia Rivas fixo un relatorio das distintas iniciativas que trasladou o BNG ao Pleno nos últimos meses para dotar deste plan de reactivación económica os sectores afectados polas obras dos Concheiros e das accións que desenvolveu a veciñanza, desde cazoladas, unha manifestación, o rexistro de 535 sinaturas e reunións para procurar axilizar, consensuar e mellorar o resultado destas obras que están a prexudicar a economía dos estabelecementos deste barrio.