PLENO

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de mellorar a seguranza viaria e completar a reurbanización do barrio do Sar

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Trátase dunha das propostas que o BNG incluíu para a negociación dos Orzamentos de 2022
Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de mellorar a seguranza viaria e completar a reurbanización do barrio do Sar

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentará no Pleno unha iniciativa para que o Goberno local dialogue coa veciñanza do barrio do Sar e inclúa nos Orzamentos de 2022 a fase pendente do proxecto de reurbanización do Castrón Douro á rúa do Sar e a adopción das medidas inmediatas que correspondan para mellorar a seguranza viaria e a accesibilidade co fin de evitar novos atropelos.

A asociación Espazo Veciñal de Sar transmitiu ao grupo municipal do BNG a necesidade de medidas de seguranza viaria, logo de que o xoves 9 de decembro se producise un atropelo no cruce do Castrón Douro.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o grupo municipal do BNG xa trasladou no documento do abano das 40 propostas, para priorizar e planificar de xeito plurianual nos Orzamentos, a necesidade de realizar a fase pendente do proxecto de reurbanización do Castrón Douro á rúa do Sar.

“Esta continuidade da obra de Castrón Douro é unha prioridade para o BNG pois, na actualidade, este tramo ten diversas zonas de potencial perigo ao estar as lousas levantadas, existir problemas de accesibilidade e cada vez que chove saen fochancas, para a que non serven os parches”, indicou.

“De feito, o Pleno de xullo de 2020 xa aprobou unha iniciativa do BNG para realizar esta intervención co fin de equilibrar os espazos destinados a tránsito peonil e tráfico rodado, suprimir barreiras arquitectónicas, complementar instalacións de servizos básicos e mellorar a seguranza viaria neste tramo”, engadiu Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de mellorar a seguranza viaria e completar a reurbanización do barrio do Sar