PLENO

Apróbase por unanimidade a moción do BNG para incluír nos Orzamentos de 2022 a mellora da accesibilidade na rúa Bispo Teodomiro

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

O Pleno acordou tamén reclamarlle á Xunta o mantemento da xornada completa da médica pediatra adscrita ao centro de saúde das Galeras para manter a calidade deste servizo

Apróbase por unanimidade a moción do BNG para incluír nos Orzamentos de 2022 a mellora da accesibilidade na rúa Bispo Teodomiro

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín Rei, defendeu no Pleno de decembro unha moción para realizar as xestións necesarias para garantir a accesibilidade en Bispo Teodomiro, cun grave problema pola existencia de escaleiras tanto na rúa como nos edificios que carecen de ascensor. Ao abeiro desta iniciativa, que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais, interveu no Pleno Víctor Andrés García Dopico, en representación da veciñanza da zona.

Así, reclamou que o Goberno local inclúa nos Orzamentos de 2022 unha partida para a redacción dun Estudo de detalle para resolver as deficiencias detectadas, reconfigurando espazos para garantir a accesibilidade a todos os edificios da rúa do Bispo Teodomiro e a reurbanización da zona para gañar calidade de vida para a veciñanza deste barrio compostelán.

Faise necesario adoptar unha solución ao interior dos edificios mediante ascensores, do mesmo xeito que a supresión das barreiras arquitectónicas na propia rúa de acceso e o Concello de Santiago debe garantir o acceso universal ás infraestruturas, dotacións, equipamentos e servizos de acordo co estabelecido en distintas normas, segundo recolle a moción.

Pediatra de Galeras a tempo completo

Outra das mocións do BNG foi destinada a reclamar do Sergas que manteña a pediatra de Galeras a tempo completo para os 767 nenos e nenas que teñen nese centro a súa tarxeta sanitaria, logo do recorte horario sufrido e co fin de garantir unha boa calidade deste servizo básico, seguindo as características demográficas e epidemiolóxicas, ademais da necesidade de facilitar os horarios para as familias. O segundo punto da moción para que o Goberno local convoque, de xeito inmediato, o Consello Municipal de Saúde para tratar estes e outros temas vinculados coa situación sanitaria na cidade. Aprobouse cos votos de BNG, PSOE e CA e a abstención do PP.

A concelleira Navia Rivas presentou outra moción para que o Goberno local desenvolva unha planificación de acordo coa comunidade educativa e coa FANPA para solucionar os problemas derivados do servizo externalizado dos comedores escolares, da necesidade de renovar o mapa escolar, da mobilidade e falta de seguranza viaria na contorna dos centros de ensino, da falta de dotación de profesorado, do programa das actividades de conciliación e da necesaria dotación de actividades extraescolares e das diversas obras pendentes nos centros de ensino públicos de Santiago de Compostela. Outro punto da moción foi para convocar de xeito inmediato o Consello Municipal de Educación. Esta moción aprobouse cos votos a favor de BNG, CA; PSOE e PP abstivéronse.

Aprobouse tamén a moción do BNG para realizar as xestións oportunas coa Xunta para a cesión dunha parcela co fin de cumprir o acordo para a construción e posta en funcionamento dun centro de día público no ámbito do Plan parcial das Fontiñas e para dotar doutro local no Ensanche para esta mesma finalidade. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PSOE e CA; o PP abstívose.

Outras das iniciativas que trasladou o BNG a este Pleno foron destinadas a iluminar os accesos ao Museo do Pobo Galego e a rúa do Home Santo, para reclamarlle ao Goberno do Estado un redeseño da pasarela da estación intermodal adecuado á climatoloxía de Santiago, para proseguir coa reurbanización de Castrón Douro á rúa do Sar e mellorar a seguranza viaria neste barrio.

Ademais, formularon preguntas sobre a convocatoria de axudas para profesionais e asociacións culturais, sobre o control da empresa concesionaria do servizo antiincendios do túnel do Hórreo e dos semáforos e sobre a necesidade de consensuar coas asociacións o plan de podas de árbores e a posíbel substitución por especies de folla perenne.

Apróbase por unanimidade a moción do BNG para incluír nos Orzamentos de 2022 a mellora da accesibilidade na rúa Bispo Teodomiro