PLENO
Goretti Sanmartín: “Solicitamos un Pleno extraordinario para analizar as mellores formas de xestión do subministro de auga para a veciñanza”
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021.- O grupo municipal do BNG de Santiago, xunto cos de CA e PP, rexistraron unha solicitude conxunta para a convocatoria dun Pleno extraordinario sobre o debate das posíbeis formas de xestión do servizo de abastecemento e saneamento de auga.
“Entendemos que a auga é un servizo básico e descoñecemos os motivos de que o Goberno local do PSOE se negue a que a comisión creada para o estudo do servizo da auga non sirva como elemento de debate e análise para chegar a unhas conclusións para saber cal é a mellor fórmula de xestión para a veciñanza de Compostela, en función das mellores condicións técnicas e contractuais”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz do BNG.
Así, engadiu que se trata dun ben básico cunha fórmula que se vai manter durante décadas “que condiciona a vida local e os gobernos que virán no futuro e non entendemos que se vaia producir de maneira unilateral por parte do Goberno local”.
Para o BNG, é un tema de suficiente envergadura para tratar de maneira detallada nunha comisión de estudo da auga, “que foi creada polo alcalde para despistar, frivolizar e xogar con estas cuestións, pero sen tratar de maneira directa aquilo que todo o conxunto da oposición considera que é fundamental: cales son as condicións con informes xurídicos e estudos económicos que determinen a mellor fórmula para dar prestación a este servizo de aquí en adiante”.
“O modelo de xestión é a cuestión que se debería abordar e que o PSOE se negou a facer, polo que entendemos que sobre este tema o Goberno local ten que dar explicacións e queremos que se debata nun Pleno extraordinario, nas primeiras semanas do ano, porque é un asunto de grande relevancia e que mesmo foi demandado por diferentes colectivos veciñais”, advertiu.