ORZAMENTOS
Goretti Sanmartín: “Non damos por cerrada a negociación e queremos procurar máis acordos para incluír nos Orzamentos”
Destaca que o BNG vén de conseguir novas axudas para sectores afectados pola crise e polas obras dos Concheiros, ademais de 1,5 millóns de euros para saneamento, abastecemento e seguranza viaria no rural
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladou en rolda de prensa os avances producidos na negociación orzamentaria co grupo de Goberno sobre o documento de 40 propostas primordiais para mellorar as condicións de vida e froito do contraste coa veciñanza e do coñecemento das necesidades nestes momentos de grave crise económica e social. “Nós non damos aínda por cerrada a negociación e queremos procurar máis acordos dos que xa temos porque aínda que é evidente que existe un avance no talante, queremos garantir que se traduza en compromisos firmes e realistas, que se executen os proxectos que se inclúan”, indicou.
Así, desde o PSOE comprometéronse a incluír o mantemento dunha liña de axudas aos sectores afectados pola crise e polas obras, de maneira especial para o barrio de San Pedro e dos Concheiros, a escultura en homenaxe a Ánxel Casal e o cumprimento dos compromisos co rural en dotacións de saneamento e abastecemento, entre outras. Porén, non incorporan a construción dun aparcadoiro de xestión pública no Campus sur, o cambio no modelo de comedores escolares reclamado pola comunidade educativa, o proxecto para instalar unha planta de compostaxe comarcal nin o plan de emprego xuvenil ou a recuperación para a prestación directa de servizos privatizados, cuestións básicas para o BNG.
“Estes non son os nosos orzamentos, neles hai prioridades que non son as que nós consideramos primordiais e hai cuestións moi importantes para mellorar as condicións de vida de santiaguesas e santiagueses que non se inclúen”, sinalou Goretti Sanmartín. Reclamou tamén un cronograma de execución das obras e posta en marcha dos proxectos, “porque este Goberno leva máis que demostrada a ineficacia da súa xestión, a súa incapacidade para executar o orzado”. “Quero lembrar que cos últimos datos que temos, os de setembro de 2021, o Goberno non chegara a executar nin o 10% dos investimentos que estaban proxectados e en 2020, o último ano que temos completo, e que pertence totalmente ao Goberno do PSOE, a execución da partida de investimentos foi do 21,85%”, sinalou. “Isto é, de cada 100 euros que tiveron para investimentos case 80 ficaron sen gastar”, advertiu.
Aludiu tamén á “maior vontade negociadora dunha das diferentes partes do Goberno”, porque son moi distintas as sensibilidades e as posicións, explicou. “Practicamente todas as nosas propostas foron levadas a Pleno e foron aprobadas, moitas delas coas abstención do PSOE”, engadiu. Entre as que aceptaron, destacou o mantemento dunha liña de axuda aos sectores afectados pola crise derivada da pandemia (cultura, comercio, hostelaría e turismo), a creación dunha liña de axudas aos sectores afectados polas obras, de maneira moi especial do Barrio de San Pedro e Os Concheiros, a estatua en homenaxe a Ánxel Casal, o cumprimento dos compromisos co rural con 1,5 millóns de euros en dotacións de saneamento e abastecemento e seguranza viaria, que se suman ao POS da Deputación, a efectivización da convocatoria da liña de axudas para ONG e cooperación, a negociación coa Xunta para a cesión da parcela para o Centro de Día das Fontiñas e a construción do Conservatorio Profesional de Danza, o plan para dotar Compostela de instalacións deportivas de calidade coa construción dunha piscina en Santa Marta, pistas de atletismo homologadas e desenvolvemento do proxecto da Cidade da Raqueta.
Tamén se conseguiu a dotación dun servizo de control do cumprimento dos pregos das empresas concesionarias con recursos e persoal suficiente, ademais de diversas obras aprobadas en Pleno a raíz de iniciativas do BNG como a humanización con dotación alternativa de aparcamento para a veciñanza de Ultreia, o Plan de mellora e accesibilidade do barrio da Estila e Avenida de Salamanca, o parque de skate en Conxo-Santa Marta, a actuación integral en Guadalupe - Ponderosa (Vite), o estudo de detalle para instalar ascensores e urbanización de Bispo Teodomiro, o Centro de asesoramento LGBT, a construción dunha sala de usos múltiplos no CSC da Rocha Forte, a seguinte fase da obra de Castrón Douro-Sar e a humanización con beirarrúas e mellora de pavimentación na rúa Mallou.
A preguntas de xornalistas, afirmou que “é evidente que o BNG descarta votar en contra deste Orzamento se se inclúen estas propostas no documento definitivo, porque hai avances relevantes que son positivos e os melloran, mais non renunciamos a conseguir máis acordos”. “Aínda non temos enriba da mesa o documento definitivo e hai cuestións de detalle que non nos aclararon polo que a negociación segue aberta”, engadiu. Destacou que para o BNG “é moi importante a calendarización dos proxectos para garantir a súa execución orzamentaria” e que, realmente, se fagan efectivos.