OBRAS

O BNG acusa o Goberno local de “falta de transparencia e de rigor” nas obras dos Concheiros

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin
“Non é verdade que haxa un inicio do expediente administrativo, pois non foi a Xunta de Goberno, pese a que xa saben que van incumprir de novo os prazos”, advirte Goretti Sanmartín
O BNG acusa o Goberno local de “falta de transparencia e de rigor” nas obras dos Concheiros

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, denuncia  “a ambigüidade e hipocrisía” do Goberno local coa demora das obras dos Concheiros que están a provocar perdas económicas á veciñanza e aos locais deste barrio, “que están cansos das mentiras do PSOE sobre os prazos, as faltas de transparencia e de rigor na súa xestión para encubrir as miserias dun proxecto mal feito”.

“Non é verdade que haxa un inicio do expediente administrativo, pois non foi a Xunta de Goberno, pese a que xa saben que van incumprir de novo os prazos”, explicou Goretti Sanmartín. Así, reclamou maior celeridade para a conclusión das obras dos Concheiros, logo de que o concelleiro Javier Fernández recoñecese hoxe en comparecencia pública que se van prolongar máis alá do 22 de xaneiro.

Para o BNG, a improvisación e a falta de planificación son causantes das constantes prórrogas desta actuación. De feito, o alcalde autorizou en Xunta de Goberno unha ampliación do prazo de entrega do proxecto até o 23 de decembro, aínda que a propia empresa estimou que precisaba até o 22 de xaneiro, polo que daquela non desbotaron medidas sancionadoras. “E todo o mundo a agardar ao 22 de xaneiro cando a prórroga rematou o 23 de decembro”, engadiu.

“Reprobamos que o concelleiro de Obras, Javier Fernández, actúe como representante da empresa cando o seu papel debera ser esixir que se poñan todos os recursos posíbeis para concluír esta intervención canto antes”, advertiu Goretti Sanmartín.

“A paciencia da veciñanza e dos estabelecementos comerciais e hostaleiros deste barrio está esgotada pola falta de transparencia e as constantes xustificacións por parte do equipo de Goberno do PSOE do mal facer da empresa que está a realizar estas obras”, engadiu.

Ademais, o BNG reclamará responsabilidades polas obras do Hórreo, que tiñan que estar rematadas a 31 de decembro, e continúan paralizadas sen xustificación por non realizar os esforzos suficientes por parte do Goberno local e incumprir a súa palabra.

O BNG acusa o Goberno local de “falta de transparencia e de rigor” nas obras dos Concheiros