PARLAMENTO

O BNG reclamará no Parlamento o incremento da partida económica para o Consorcio de Santiago, co fin de revitalizar a Cidade histórica

Goretti Sanmartin e Iria Carreira
Goretti Sanmartin e Iria Carreira
“Agardamos contar coa sensibilidade e compromiso de todos os grupos parlamentarios para conseguir esa dotación económica que están a reclamar de xeito unánime distintas asociacións para recuperar poboación, a dotación de servizos e a mellora dos estabelecementos”, expón Goretti Sanmartín
O BNG reclamará no Parlamento o incremento da partida económica para o Consorcio de Santiago, co fin de revitalizar a Cidade histórica

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a deputada Iria Carreira anunciaron que a vindeira semana se debaterá no Parlamento unha Proposición non de Lei para instar a Xunta de Galiza a incrementar a súa contribución económica ao Consorcio da Cidade de Santiago co fin de recuperar poboación e de mellorar os servizos na Cidade histórica.

“Trátase de comezar por recuperar de inmediato a dotación asignada en 2010 e duplicándoa nos anos vindeiros, tendo en conta os recentes anuncios realizados por parte dos gobernos galego e español na reunión do Real Padroado de 25 de xullo de 2021 e co obxectivo de que cumpran estes compromisos necesarios para a revitalización da Cidade histórica de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín.

Segundo recolle o texto da iniciativa, nos investimentos previstos do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela destínanse liñas de actuación para a Cidade histórica, tanto para rehabilitación e conservación do tecido residencial, como para a revitalización do tecido comercial, actuacións sobre elementos patrimoniais e monumentos, conservación de bens mobles, mantemento de pavimentos históricos e lousados, a integración perimetral da améndoa da Cidade histórica, acondicionamento de parques e xardíns, actuacións nos Camiños de Santiago, infraestruturas e loxística urbana, entre outros eixos.

Neste sentido, desde o BNG agardan contar “coa sensibilidade e compromiso de todos os grupos parlamentarios para conseguir esa dotación económica que están a reclamar de xeito unánime distintas asociacións para recuperar poboación, a dotación de servizos e a mellora dos estabelecementos”.

Este ente interadministrativo debe pular para a revitalización da Cidade histórica con dotación de servizos básicos e obras de mellora de accesibilidade, eficiencia enerxética e insonorización vivendas. Ademais, precisa fondos económicos para apostar por unha política de compra de locais para a creación dun viveiro de empresas e autónomos/as, que comece pola rehabilitación dos locais pechados, cun plan de asesoramento a persoas que montan o seu primeiro emprego na consecución de licenzas, e diversificar deste xeito o modelo de comercio. Tamén o Consorcio debe ser o instrumento para a negociación da compra de inmóbeis con uso cultural que gozan de protección patrimonial, ademais de adoptar unha política de conservación de comercios emblemáticos históricos asentados na Cidade histórica.

Redución de recursos nos últimos anos

Porén, nos últimos anos, o Consorcio da Cidade de Santiago experimentou unha redución dos recursos asignados polos gobernos da Xunta e do Estado. En concreto, en 2010 sufriu un recorte até os 4,5 millóns de euros, que o goberno de Núñez Feixóo mantén conxelado desde aquel entón. Con anterioridade, os Orzamentos para o Consorcio eran de 6,5 millóns anuais por parte da Xunta e de 12 millóns desde o Goberno do Estado.

A revitalización e a actualización do Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, anunciouse como un paso decisivo na creación dun marco de encontro e coordinación das administracións públicas, materializado no Consorcio de Santiago. Así, cando se reuniu o Real Padroado o 25 de xullo de 2021 anunciou investimentos por 281,5 millóns de euros para Santiago de Compostela.

Con posterioridade, o Consorcio manifestou confiar en recibir de fondos europeos 80 deses 281,5 millóns para Santiago até 2032, mais compróbase que esa achega extraordinaria tan ben publicitada non se concreta nos Orzamentos da Xunta nin nos do Estado para 2022.

O BNG reclamará no Parlamento o incremento da partida económica para o Consorcio de Santiago, co fin de revitalizar a Cidade histórica