PLENO

O BNG reclama “a reprobación” da actuación do grupo de Goberno polas obras dos Concheiros

Goretti Sanmartín e Navia Rivas, en rolda de prensa
Goretti Sanmartín e Navia Rivas, en rolda de prensa
Trasladará unha iniciativa ao Pleno ante as continuas contradicións do alcalde e do concelleiro de Obras sobre os prazos do remate da obra, os danos económicos causados e o malestar da veciñanza
O BNG reclama “a reprobación” da actuación do grupo de Goberno polas obras dos Concheiros

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a concelleira Navia Rivas anunciaron que presentarán unha iniciativa no Pleno do 27 de xaneiro “para reprobar a actuación do grupo de Goberno respecto da planificación, xestión da información, participación e cumprimento de prazos nas obras dos Concheiros, de maneira moi especial do concelleiro de Obras, e para reclamar que se asuman as responsabilidades políticas que se derivan deste comportamento”. “Desde a nosa perspectiva, o concelleiro de Obras xa debería ter dimitido ou posto o seu cargo a disposición do alcalde”, engadiu Goretti Sanmartín.

O BNG vai trasladar esta iniciativa logo da última intervención do concelleiro de Obras, Javier Fernández, “dicindo ‘Diego onde dixen Digo’ e as continuas contradicións entre el e o propio alcalde nas súas declaracións públicas”.

“Despois de varias propostas do BNG no Pleno e de diferentes iniciativas da oposición, despois de conversas con veciñanza e asociacións, nós puxemos varias veces enriba da mesa que o que tiña que facer o concelleiro de Obras era pedir desculpas, abandonando a actitude triunfalista de estar a facelo todo ben”, explicou Goretti Sanmartín. “Non só nos parece ben a proposta dos Bonos Corazón senón que lembramos que foi o BNG o que levou ao Pleno no mes de setembro unha iniciativa para solicitar un plan especial de recuperación do comercio e hostelaría da zona, plan que inicialmente o PSOE rexeitou, pero iso non pode ser unha cortina de fume para ocultar a incapacidade de xestión e o atraso nas obras”, lembrou.

Para o BNG é necesario que o Pleno avalíe o acontecido coas obras dos Concheiros e pedir que se asuman responsabilidades políticas pola falta de planificación, o atraso, a falta de participación e a información contraditoria e fraudulenta nesta actuación.

Despois das últimas informacións sobre o desastre e os novos atrasos das obras dos Concheiros, unha obra que o alcalde inicialmente anunciara que esperaba que estivese para a Semana Santa de 2021 e que rematará, polo menos, un ano despois desa data, o BNG considera que Pleno da Corporación non pode continuar a recibir propostas e presentar alternativas en positivo e cómpre reprobar a actuación do Goberno local, que debe asumir responsabilidades políticas tanto pola nefasta xestión como pola fraude, o engano e as continuas contradicións na información pública que se trasladou sobre esta obra, segundo expuxeron.

Así, en rolda de prensa, Goretti Sanmartín e Navia Rivas fixeron un repaso cronolóxico dos anuncios e cambios de datas desta actuación, desde que no anterior Goberno local o concelleiro Rafael Peña anunciase en 2017 un plan de arranxos provisionais na zona dos Concheiros á espera da chegada do Plan de intervención da Xunta para as entradas dos camiños, até declaracións do alcalde mudando os prazos e as últimas do concelleiro Javier Fernández xustificando un novo atraso na súa conclusión.

O BNG entendeu desde o primeiro momento que as obras non estaban ben formuladas e fixo denuncias públicas ao respecto e trasladou unha proposición en febreiro de 2020 para que o proxecto fose dialogado, unha proposición en setembro de 2021 para crear un plan de reactivación económica para zonas afectadas por obras, unha pregunta en novembro de 2021 sobre a creación deste plan e outra proposición en decembro de 2021 para consensuar coa veciñanza o proxecto e as súas consecuencias na fase final das obras e adoptar un plan de axudas directas aos estabelecementos afectados.

O BNG reclama “a reprobación” da actuación do grupo de Goberno polas obras dos Concheiros