SANIDADE
O BNG participa no acto para reclamar a pediatra a tempo completo no Centro de Saúde das Galeras e anuncia que trasladará esta demanda ao Parlamento
Demanda, máis unha vez, que o Goberno local de Santiago convoque o Consello Municipal de Saúde
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a deputada Iria Carreira asistiron á concentración para reclamar unha pediatra a tempo completo no centro de saúde das Galeras, que contou con participación da CIG, da Plataforma das Galeras, da Asociación veciñal Río Sarela, e da ANPA do CEIP Raíña Fabiola, ademais de membros do BNG.
Segundo explicou Goretti Sanmartín en declaracións aos medios de comunicación, esta proposta foi aprobada no mes de decembro no Pleno do Concello “e hai que dar pasos para conseguilo”. Así, puxo como exemplo os prexuízos graves de conciliación que se producen para as familias con este recorte horario, porque de 8 a 11 da mañá, xustamente o tempo en que agora non hai pediatra nas Galeras, era cando se facían as revisións ademais de atender as urxencias; “agora o que nos trasladan nais e pais é que lles poñen as revisións á media mañá ou a última hora da mañá, horarios moito peores, porque anteriormente ao recorte podían ir antes de entrar na escola e agora obrígase a levalos á escola, ir á pediatra no medio, e volvelos traer”.
Así, anunciou que desde o BNG se seguirá a reclamar que o SERGAS atenda esta solicitude e que o Goberno local convoque o Consello Municipal de Saúde, porque houbo un compromiso por parte da concelleira. Advertiu tamén que os parches de cambios horarios non valen, “queremos unha pediatra a tempo completo no centro de saúde das Galeras, porque é un dereito fundamental e xa está ben de recortes á sanidade e á atención primaria”, destacou.
Colapso en atención primaria
Pola súa parte, a deputada Iria Carreira sinalou que o recorte horario da pediatra do centro de saúde das Galeras é unha mostra máis do desleixo da Xunta de Galiza na atención primaria en todo o país, “que se pode ver en calquera centro de saúde como se acumulan a falta de recursos e de persoal despois dunha década de recortes do Goberno do PP na Xunta e que se agudizan coa sexta vaga da covid”. “Despois de negalo en diversas ocasións, por fin o presidente da Xunta recoñece que a situación sanitaria está saturada e sofre un colapso onde as profesionais xa non aguantan máis logo de 2 anos ao límite e onde se está a trasladar este deterioramento á calidade asistencial que cada vez é máis precaria”, engadiu.
Esta falta de pediatría tratouse xa no Pleno de Santiago e o BNG vén de rexistrar iniciativas no Parlamento “para reclamar que exista unha pediatra a tempo completo no centro de saúde e para que se faga un plan de ordenación de recursos humanos en todo o SERGAS para ver cales son as áreas máis deficientes e dotalas do persoal que lle corresponde”, anunciou a deputada. Ademais, demandou que se incremente o orzamento destinado a atención primaria “porque non pode ser que no segundo ano desta pandemia o que vemos é que a Xunta o reduce”.