Apróbase por unanimidade a iniciativa do BNG para a recuperación de elementos de arquitectura tradicional e etnográficos en Santiago
O PSOE rexeitou a proposta para estudar o rescate de servizos públicos externalizados que permite a Lei de Orzamentos do Estado
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022.- O Pleno do Concello de Santiago aprobou, por unanimidade, unha proposición do BNG para realizar as xestións necesarias, en colaboración con outras administracións, para contribuír mediante recursos económicos e de asesoramento aos labores de recuperación de elementos de arquitectura tradicional e etnográficos iniciados por diversas asociacións.
Santiago de Compostela ten un rico patrimonio construído de interese arquitectónico tradicional e etnográfico como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños, cruceiros e curtidoiros, que son vestixios da nosa cultura propia e contribúen a definir un xeito de entender a vida comunitaria xa que fan parte dos nosos sinais de identidade, segundo recolle o texto da iniciativa.
Existen diversas iniciativas veciñais a nivel local, como a da Asociación en Defensa dos Muíños de Bálsoma, na parroquia da Gracia, xurdida para realizar os necesarios procesos de consolidación, restauración e reconstrución deste conxunto etnográfico de muíños que precisan da colaboración das distintas administracións para proseguir con este labor e conseguir a súa posta en valor e convertelo nunha zona de interese etnográfico para atraer visitas. A propia asociación leva ano e medio a realizar tarefas de roza, limpeza e colocación de pasos de acceso para gozar dunha paisaxe á beira do río, cunha forte implicación veciñal que fomenta o carácter social destas intervencións.
Ademais, o BNG presentou outra iniciativa para que o Goberno local realice un plan de mantemento e conservación destes elementos patrimoniais co fin de evitar a súa deterioración, tal como demanda a veciñanza, e que sirva para divulgar estes bens catalogados como o lavadoiro octogonal de Picaños, no barrio de Sar.
O PSOE votou en contra doutra das proposicións do BNG que ía destinada a que o Concello de Santiago realice un plan para estudar a creación de novos servizos necesarios coa dotación do persoal correspondente e o rescate dalgúns dos que están en réxime de concesión, ao abeiro das posibilidades que ofrece a Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2022 no relativo á contratación directa de persoal polas administracións públicas e á taxa de reposición. Votaron a favor BNG e CA, abstívose o PP e o PSOE votou en contra; co que quedou rexeitada.
Para iso, o BNG propuña a necesidade de realizar os pertinentes informes de custes, beneficios e posíbeis melloras da xestión directa na prestación dos servizos entre os que se poden incluír o da xestión das multas, o do CAU e mais o do control, supervisión e inspección das empresas concesionarias, para comezar por algúns de menor entidade e con máis facilidade para que poida ser unha realidade próxima a mudanza de xestión, xunto cos servizos de abastecemento de auga e saneamento, recollida de residuos, transporte urbano e iluminación pública, entre outros.
Trátase de analizar se estes servizos, mediante o proceso de reinternalización, poden ofrecer un modelo máis equitativo, transparente, sustentábel e eficiente que o que proporcionan os provedores privados na actualidade, alén de eliminar os gastos adicionais de licitación, supervisión e resolución de deficiencias que se detectan nos servizos privatizados tanto por parte da veciñanza como pola propia administración local, que non é quen de controlar nin esixir, en numerosas ocasións, que se cumpra o estipulado nos pregos de contratación.
No apartado dos rogos, reclamou que o Goberno local arbitre medidas para as persoas residentes e os locais comerciais e hostaleiros da área da rúa das Hortas, Trindade, Carretas e San Clemente para facilitar os accesos en vehículo, os tempos de estacionamento e de carga e descarga. Outro foi destinado a que o Goberno local axilice as xestións para revisar o estado dos muros e, en particular, deste situado no barrio de Vite que ten preocupada a veciñanza da zona.