PLENO
O BNG insta a axilizar as xestións para revisar o estado dos muros e, en particular, o do barrio de Vite que ten preocupada a veciñanza da zona
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas do mal estado en que se encontran a maioría dos muros tradicionais, entre eles o situado nas inmediacións do CEIP de Vite e do hotel NH Obradoiro, que presenta perigo de derrubo pola falta de mantemento e de proliferación de vexetación que asentamento das pedras. De feito, ten pendurado un cartaz que indica o risco de caída do muro reclama que non se rebase unha cinta, mais a cinta xa non está no lugar.
O Goberno local realizou un prego de prescricións técnicas particulares para a prestación do servizo de diagnose, reparacións urxentes e plan de mantemento dos muros de carácter tradicional, tanto de titularidade pública como privada con posíbeis afeccións sobre os espazos públicos da cidade de Santiago de Compostela.
Nese expediente, onde están rexistrados 75 muros e peches singulares con presenza no espazo público, recoñécese que na maioría dos muros tradicionais a ausencia dos necesarios labores de mantemento fixo que nos últimos anos se producisen incidentes de diversa gravidade como consecuencia da aparición de fendas e mesmo a caída ou derruba de parte destes muros tradicionais en distintos lugares da cidade, a pesar de que o Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica PE-1 no artigo 50.4 obriga de xeito específico a conservar ao consideralos elementos singulares do espazo público.
De feito, os concellos están obrigados e habilitados, ao abeiro da Lei do Solo de Galiza, a ditar ordes de execución que obriguen a propietarios e propietarias a realizaren as actuacións necesarias para o debido cumprimento deses deberes. Ao mesmo tempo, o Concello está obrigado a manter as construcións propias dentro desas condicións reforzadas en caso de bens integrantes do Patrimonio histórico.
Con data 04/06/2021 asinouse o expediente para a contratación técnica para a prestación deste servizo cun orzamento máximo de licitación de 53.100 euros mais non foi até o pasado 1 de febreiro, 8 meses despois, en que foi á mesa de Contratación. Cómpre lembrar que revisión dos muros tradicionais fora un compromiso para facer de forma urxente tras a derruba do muro de Bonaval, unha traxedia acontecida en decembro de 2019, que foi reparada 17 meses despois.