PLENO
O BNG traslada ao Pleno as demandas de estacionamento na contorna da zona das Hortas
A nova ordenanza, que limita os tramos horarios, dificulta a mobilidade de persoas residentes e as actividades dos estabelecementos asentados nesta área
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.- O BNG de Santiago de Compostela traslada ao Pleno unha iniciativa para que o Goberno local arbitre medidas para as persoas residentes e os locais comerciais e hostaleiros da área da rúa das Hortas, Trindade, Carretas e San Clemente para facilitar os accesos en vehículo, os tempos de estacionamento e de carga e descarga.
O grupo municipal do BNG recibiu a preocupación da veciñanza da área da rúa das Hortas, Trindade, Carretas e San Clemente polas dificultades que teñen coa entrada en funcionamento da modificación da Ordenanza de Circulación e Uso da Vía Pública para achegárense ás súas vivendas as persoas con problemas de mobilidade, cando teñen que ir e volver do centro sanitario ou coas bolsas da compra, por exemplo.
Para iso, reclaman que se habiliten espazos coa posibilidade de estacionar uns minutos os vehículos para favorecer a mobilidade da veciñanza e dos provedores de subministracións aos estabelecementos, sabendo que esta Ordenanza de Circulación e Usos da Vía Pública limita os tramos horarios e dificulta as actividades dos locais asentados nesta zona, que se viron prexudicados por estas restricións.
Cómpre lembrar que efectuaron unha recollida de sinaturas neste sentido e que non houbo interlocución por parte do Goberno local para a adopción destas medidas que están a causar tantas molestias.
Nese documento de recollida de sinaturas advirten de que chegaron a situacións en que os propios provedores se negaron a realizar os servizos de abastecemento aos locais, causando graves prexuízos á súa actividade. A restrición horaria (07:00 a 10:00 h) que establece a normativa xeral para actividades de carga e descarga e a específica recollida no Anexo II aplicábel á Cidade histórica consideran que é claramente insuficiente. Reclaman, así, unha regulación específica en materia de acceso e estacionamento para vehículos asignados ás tarefas de recollida e entrega de pedidos a domicilio.
Outro punto das demandas vai encamiñado a unha ampliación de horario de carga e descarga, de forma que os provedores que en moitos casos teñen base de operacións fóra do municipio e operan con produtos perecedoiros dispoñan de tempo suficiente para realizar as súas subministracións. Neste caso, tería sentido unha distinción dos aspectos de regulación aplicando réximes e horarios distintos en tempada turística fronte a outros períodos do ano de menor afluencia.
A veciñanza residente na Cidade histórica ten moi limitado o servizo de entrega a domicilio das súas compras, sexan produtos de alimentación, contratación de servizos técnicos ou de reparación, para o que se fai necesario eliminar as restricións horarias nos casos en que se xustifiquen estes servizos.
Tendo en conta que boa parte das persoas residentes na Cidade histórica son de idade avanzada e, en moitos casos, precisan que accedan aos seus domicilios familiares ou coidadores/as ou mesmo seren trasladadas a centros de atención médica fan igualmente necesaria a eliminación de restricións en casos en que queden xustificadas estas circunstancias.