PLENO

O  BNG leva ao Pleno unha moción para apoiar as mobilizacóns feministas do 8M e demandar os compromisos das administracións

Máis recursos para o Centro de Información das Mulleres
Apoio ás reivindicacións do feminismo
Goretti Sanmartín propón un estudo das necesidades do Centro de Información ás Mulleres (CIM), cando chega ao 30 aniversario, co obxectivo de reforzar recursos humanos e materiais para garantir a súa eficacia e importante labor
O  BNG leva ao Pleno unha moción para apoiar as mobilizacóns feministas do 8M e demandar os compromisos das administracións

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.- O grupo municipal do BNG de Santiago presentará no Pleno de febreiro unha moción para apoiar as mobilizacións feministas do 8 de marzo e demandar os compromisos pendentes nas distintas administracións.

Deste xeito, a portavoz municipal Goretti Sanmartín propón expresar e recoñecer as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2022 sinalan os compromisos pendentes en diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade e colocan novamente no centro do debate as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político, agravadas polo impacto da pandemia da covid-19, e expresar o compromiso da Corporación de Santiago para traballar contribuíndo a superar esta situación.

Tamén demandará do Goberno local a avaliación inmediata do IV Plan de Igualdade (2017-2020) e un estudo das necesidades do CIM, cando chega ao 30 aniversario, co obxectivo de reforzar recursos humanos e materiais para garantir a súa eficacia e importante labor.

Outro punto vai destinado a demandar do Goberno local, en colaboración coa Universidade de Santiago, que se intensifiquen os labores de prevención de violencias de xénero nos campus universitarios, tendo en conta que as medidas de iluminación e seguranza adoptadas seguen a resultar insuficientes.

Ademais, propón demandar da Xunta de Galiza o cumprimento do compromiso adquirido en marzo de 2019 de impulsar cláusulas de igualdade na contratación pública galega a partir do diálogo coas organizacións sindicais e sociais. A moción reclama da Xunta de Galiza a elaboración dunha nova Lei de Igualdade que substitúa a 7/2004 para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista atendendo, de maneira específica, o fomento da corresponsabilidade.

En canto ás medidas destinadas ao Goberno español, demanda que non siga demorando a tramitación da ratificación do convenio 189 da Organización Internacional do Traballo e atenda as demandas dos colectivos de traballadoras do fogar para avanzar na súa dignificación e protección.

Así mesmo, demandar do Goberno español o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega, xunto coa demanda da Xunta de Galiza do impulso da creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias.

O  BNG leva ao Pleno unha moción para apoiar as mobilizacóns feministas do 8M e demandar os compromisos das administracións