PLENO

Apróbase por unanimidade a moción do BNG para a mellora das dotacións públicas municipais en Roxos

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

Tamén se aprobou a moción para axilizar os trámites destinados para frear a deterioración do edificio do antigo hospital das Galeras

Apróbase por unanimidade a moción do BNG para a mellora das dotacións públicas municipais en Roxos

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022.- O Pleno do Concello de Santiago aprobou, por unanimidade, unha moción para adoptar as medidas necesarias para a mellora dos servizos e dotacións públicas relativas a iluminación pública, recollida de residuos, limpeza, zonas verdes e seguranza viaria no SUNP-25 de Roxos -localizado entre a rúa Barrosa, o CEIP de Roxos, rúa do Nabal e rúa de Muros, na parroquia de Villestro- en que existen deficiencias en servizos municipais que se deberían corrixir para gañar calidade de vida as familias que residen neste barrio conformado por 130 vivendas. Ao abeiro desta iniciativa, interveu Luciano López ao inicio do Pleno en representación da veciñanza.

Outra das mocións do BNG que foi aprobada foi destinada impedir a deterioración  vello hospital das Galeras. En concreto, propuña reclamarlle á propiedade que proceda a reparar urxentemente todos os danos causados durante este período, instar ás partes implicadas para que actúen coa celeridade precisa para poñer fin ao proceso de deterioración do edificio do vello hospital das Galeras, realizar os estudos técnicos e xurídicos pertinentes para ter unha folla de ruta e pór enriba da mesa diferentes opcións, incluída a da negociación con outras administracións para instalar no edificio un Centro de Día, caso de que finalmente o proceso de compra-venda non remate satisfactoriamente. 

Tamén presentou unha moción para que o Concello de Santiago habilite e reforce os puntos de acceso de información para favorecer a transición cara á administración electrónica e permitirá a presentación de trámites e solicitudes vía presencial e escrita para aquelas persoas que o desexaren de acordo coa normativa en vigor. Aprobouse por unanimidade.

Outra das mocións do BNG foi relativa a apoiar as mobilizacións feministas do 8 de marzo e a demandar os compromisos pendentes nas distintas administracións. Así, reclamou do Goberno local a avaliación inmediata do IV Plan de Igualdade (2017-2020) e un estudo das necesidades do CIM, cando chega ao 30 aniversario, co obxectivo de reforzar recursos humanos e materiais para garantir a súa eficacia e importante labor. Outro punto foi destinado a demandar do Goberno local, en colaboración coa Universidade de Santiago, que se intensifiquen os labores de prevención de violencias de xénero nos campus universitarios, tendo en conta que as medidas de iluminación e seguranza adoptadas seguen a resultar insuficientes. En canto ás medidas destinadas ao Goberno español, demanda que non siga demorando a tramitación da ratificación do convenio 189 da Organización Internacional do Traballo e atenda as demandas dos colectivos de traballadoras do fogar para avanzar na súa dignificación e protección. Nestes puntos concitou o apoio de todos os grupos.

Ademais, propuxo demandar da Xunta de Galiza o cumprimento do compromiso adquirido en marzo de 2019 de impulsar cláusulas de igualdade na contratación pública galega a partir do diálogo coas organizacións sindicais e sociais. A moción reclama da Xunta de Galiza a elaboración dunha nova Lei de Igualdade que substitúa a 7/2004 para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista atendendo, de maneira específica, o fomento da corresponsabilidade. Así mesmo, demandou do Goberno español o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega, xunto coa demanda da Xunta de Galiza do impulso da creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias. Nestes puntos contou cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e a abstención do PP.

Ademais, o BNG instou o Goberno local a reforzar que se faga efectivo o contido da sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, con data de 25 de novembro de 2021, que non autoriza o paso de camións de gran tonelaxe ao acceso ao vertedoiro da canteira de Miramontes. Transcorreron tres meses e desde a empresa seguen a incumprir esta resolución, o que pode dar lugar ás pertinentes sancións.

Outra das iniciativas do BNG foi para demandar que o Goberno local inste a Xunta a abrir o centro sociocomunitario da Porta do Camiño, tal como demandan as persoas usuarias, toda vez que rematou o período de confinamento de prevención da pandemia e quedaron sen estes servizos e actividades que se ofrecían 250 persoas maiores. Ao abeiro desta iniciativa interveu Dulcinea López ao inicio do Pleno e unha representación das persoas afectadas concentráronse ás portas do Pazo de Raxoi para reclamar o restabelecemento destas actividades sociais.

Outra das propostas do BNG foi encamiñada a restabelecer as mensaxes sonoras que levan meses suprimidas en 10 semáforos céntricos da cidade, logo de recibir queixas de persoas con discapacidade visual ante a dificultade que supón para poderen cruzar e manter a súa autonomía persoal.

Apróbase por unanimidade a moción do BNG para a mellora das dotacións públicas municipais en Roxos