OBRAS
O BNG reclama a supervisión da actuación da praza de Conxo, coa pavimentación esnaquizada 5 meses despois da súa apertura
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022.- O grupo municipal do BNG insta o Goberno local a reclamarlle á Xunta a revisión da actuación realizada na praza de Conxo ao abeiro do Plan de mellora e integración paisaxística da entrada do Camiño portugués, ante as múltiples deficiencias que presenta a súa pavimentación tan só 5 meses despois do remate das obras.
Para o BNG, é necesario que se supervise o resultado desta obra, que contou con 1,6 millóns de euros na adxudicación de agosto de 2019, dos que 415.000 foron destinados á zona de estacionamento para 82 prazas de vehículos.
“Cinco meses despois da conclusión destas obras, parte da pavimentación está esnaquizada debido a que, previsibelmente, os materiais e a execución non foron os máis acaídos ou carecen da calidade necesaria, polo que é necesaria unha revisión para corrixir os erros detectados co obxectivo de garantir a seguranza viaria e peonil”, advertiu Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Resulta especialmente perigosa a faixa de terra entre cada praza de aparcamento, porque desapareceu a herba e non hai unha trama continua, o que pode provocar risco de caídas. Faise necesario tamén un camiño seguro delimitado para a escola infantil de Conxo, indicou.
As queixas da veciñanza, ademais da pavimentación, refírense aos desniveis e irregularidades da superficie, á falta de diferenciación entre a zona peonil e de aparcamento, aos bordos afiados, á escasa iluminación e mala situación dos bancos, colectores mal emprazados que obrigan a camiñar pola estrada, ademais das carencias de sinalización e varandas. “Un resultado que non se corresponde co investimento realizado e que non vai durar nin sequera para lucir no Xacobeo 2022 como tiña previsto a Xunta”, sinalou.
Goretti Sanmartín sinalou que “é necesario cambiar ese modelo de facer obras con mala calidade de materiais e de execución pois, en poucos meses, xa precisa que se teña que volver realizar outro investimento; isto é un dispendio de recursos públicos que non se pode permitir, ademais das molestias causadas á veciñanza”.
Nese sentido, reclamou que tanto o Concello de Santiago como a Xunta supervisen o resultado, xa que esta obra dispuxo dun importante investimento de diñeiro público e xa está deteriorada porque os materiais non se adecúan aos usos previstos.