8M

O BNG organiza un reparto en Santiago coa campaña do 8M “Queremos todos os dereitos e querémolos xa”

Campaña 8M
Campaña 8M

Será unha xornada de mobilizacións para esixir que as palabras teñen que transformarse en feitos e as promesas en recursos

O BNG organiza un reparto en Santiago coa campaña do 8M “Queremos todos os dereitos e querémolos xa”

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022.- O BNG de Santiago realizou un reparto informativo da campaña do 8M co lema "Queremos todos os dereitos e querémolos xa" e que conta cun documento de 22 actuacións urxentes para mellorar a vida das mulleres, ademais de facer un chamamento á participación nas manifestacións convocadas con saída ás 12:00 na praza Roxa pola CIG e ás 19:00 na praza 8 de Marzo pola plataforma Galegas 8M.

A portavoz do grupo municipal, Goretti Sanmartín, en declaracións a xornalistas, destacou que “o BNG sae á rúa para reclamar os dereitos das mulleres, uns dereitos especialmente cuestionados tras a pandemia, que afondou na precariedade laboral, na fenda salarial e que provocou unha importante crise en materia de conciliación que, máis unha vez, recae sobre as mulleres e as administracións non son quen de combater”. Así, este 8M será unha xornada de mobilizacións para esixir que as palabras teñen que transformarse en feitos e as promesas en recursos.

“Preocúpanos tamén, de maneira especial, a violencia que sufrimos as mulleres polo simple feito de sermos mulleres e, moi en concreto, neste concello de Santiago o incremento de delitos sexuais que no ano 2021 tiveron un acrecentamento dun 76,5% respecto de 2020, situando Compostela como a cidade galega en que máis subiron este tipo de denuncias”, advertiu.

Por todo isto, o BNG colará carteis e distribuirá folletos, ademais de demandar 22 actuacións urxentes para mellorar a vida das mulleres, cun novo marco legal, máis recursos económicos, verdadeiras políticas de conciliación, eliminación do machismo na xustiza, garantías de dereitos para as mulleres independentemente de onde vivan, recoñecemento das familias monoparentais por elección propia, entre outros. Así, explicou que é necesario actualizar o obsoleto marco legal en materia de igualdade e elaborar, cun amplo proceso de participación social, unha nova Lei de igualdade que substitúa a actual para adaptala á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista atendendo, de maneira específica, o fomento da corresponsabilidade.

A listaxe de incumprimentos é inaceptable: a fenda salarial en Galiza é de máis de 4.000 euros, son as mulleres quen teñen os traballos máis precarios e parciais, as traballadoras domésticas agardan a ratificación do convenio 189 da Organización Internacional do Traballo, as leis de igualdades están obsoletas, a xustiza segue sen despatriarcalizarse e tampouco se avanza nunha sanidade pública libre de violencia obstétrica e con óptica de xénero.

O BNG organiza un reparto en Santiago coa campaña do 8M “Queremos todos os dereitos e querémolos xa”