PATRIMONIO
Goretti Sanmartín pide unha rectificación do alcalde que culpou a veciñanza da falta de conservación do lavadoiro de Picaños
Lembra que o Pleno aprobou, por unanimidade, unha iniciativa do BNG para a conservación destes elementos de arquitectura tradicional
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022.- “O BNG considera inadmisíbeis as declaracións do alcalde pedíndolle á veciñanza que se responsabilice da conservación dos lavadoiros”, explicou Goretti Sanmartín”, portavoz do grupo municipal, “porque no último Pleno se aprobou unha proposta do BNG por unanimidade para que o Concello axudase a veciñanza e asociacións dos barrios e parroquias que traballan para a recuperación e conservación do patrimonio”.
Independentemente de que haxa patrimonio municipal e da veciñanza, o importante é que haxa implicación activa do Concello de Santiago que debe axudar con asesoramento e propostas, ademais de recursos materiais e humanos, para poñer todo o que poida da súa man para esa conservación patrimonial, explicou.
“O BNG puxo enriba da mesa que moitas veces a veciñanza vai diante da administración nas súas responsabilidades pois é a que limpa, conserva e mantén ese patrimonio; o que precisa é ese impulso e esa exemplificación que debe dar o Concello a respecto dese coidado da arquitectura tradicional”, engadiu.
“O que mostra Bugallo é o desprezo total e absoluto, estamos fartas de que aquelas cuestións aprobadas en Pleno non se realicen, mais neste caso da recuperación do patrimonio etnográfico foi aprobado por unanimidade e agora frivoliza e deriva a atención”, sinalou. Mais non é este o único tema en que acontece isto, en que se acorda unha proposta por unanimidade ou maioría e despois o alcalde “vai por libre e bota balóns fóra”. “É irresponsábel e pedimos unha rectificación desas palabras”, advertiu Goretti Sanmartín.
Así, reclamou que o Goberno local expoña a planificación para a limpeza, conservación e restauración do patrimonio e para axudar a veciñanza que leva moito tempo implicada, con ganas e con traballo, moitas veces por diante do que lle corresponde á administración municipal.
Lembrou tamén que o alcalde fixo o mesmo coa declaración asinada por PSOE, BNG e CA para o rexeitamento das letras de Kaydy Cain, un artista que actuou en Santiago de Compostela, pola denigración ás mulleres e, “despois de ser aprobada, frivolizou o acordo e considerouno un asunto menor”. “Xa está ben deste Goberno local, que non se sabe se ten unha cara ou as oito caras do lavadoiro octogonal de Picaños”, sinalou. “Necesítase un Goberno comprometido co patrimonio e en axudar a veciñanza que, moitas veces, vai por diante da administración local en conciencia e en traballo comunitario”, concluíu.