CONTRATACIÓN
Goretti Sanmartín comprométese a trasladarlle a alcalde a necesidade de garantir as actividades e as condicións laborais do persoal dos centros socioculturais
A Xunta de Goberno declarou deserto o lote de novas tecnoloxías e iso supón unha inquedanza sobre a prestación deste servizo
O BNG reclama maior transparencia nos procedementos de contratación para evitar irregularidades
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022.- O BNG mantivo un encontro con representantes do comité de empresa dos centros socioculturais ante o empeoramento da calidade do servizo e as consecuencias laborais provocadas pola licitación do novo contrato, que deixou un lote sen adxudicar. Goretti Sanmartín comprometeuse a trasladarlle ao grupo de Goberno de Sánchez Bugallo a necesidade de adoptar medidas para garantir o mantemento das actividades e das condicións laborais do persoal sen interrupcións.
Para o comité de empresa, o feito de que a Xunta de Goberno, o 24 de xaneiro, declarase deserto o lote relativo a novas tecnoloxías supón unha inquedanza sobre a prestación do servizo, tanto para as persoas usuarias como para as traballadoras, que quedan nun limbo sen saberen se hai posibilidade de prórroga da anterior empresa cando outras tres diferentes se van facer cargo do resto dos lotes, toda vez que aínda non lle comunicaron nada ao persoal afectado.
O BNG xa presentara un recurso perante a Xunta de Goberno sobre as irregularidades detectadas no procedemento e nos pregos de licitación, con cuestións relativas ao solapamento de horarios imposíbeis de cumprir e outras incidencias, que agora se demostra que son evidencias. O pasado 22 de novembro, solicitara a retirada deste prego para facelo en mellores condicións e que respondese ás necesidades da propia rede de centros socioculturais, ante as contradicións e incoherencias entre os catro lotes en que se dividiu o contrato.
Así, o BNG vai preguntar no vindeiro Pleno que modificacións ten previstas o Goberno local para volver sacar o concurso do lote de novas tecnoloxías e se finalmente van ter que recorrer a ampliar o orzamento.
Ademais, reclama maior transparencia nos procedementos de contratación para evitar irregularidades, tendo en conta as consecuencias para o persoal de iniciar a distintos ritmos as actividades distribuídas neses lotes de animación sociocultural, bibliotecas, atención ao público (reservado a centros especiais de emprego) e novas tecnoloxías.
O BNG insiste en reclamar que nos próximos pregos se contrasten previamente as propostas a incluír nestes contratos tanto co persoal traballador de cada servizo, como demais grupos municipais, coas asociacións e coas persoas usuarias, que son as verdadeiras coñecedoras do seu funcionamento para evitar a precariedade e o mal funcionamento dos servizos municipais.