URBANISMO

Goretti Sanmartín: “O BNG fai un chamamento á responsabilidade dos grupos para sacar adiante o proxecto da parcela do Peleteiro”

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

“É necesario buscar o consenso e deixar de facer propaganda con cuestións que se sabe que non van a ningún porto e só prexudican a veciñanza”, advirte

Goretti Sanmartín: “O BNG fai un chamamento á responsabilidade dos grupos para sacar adiante o proxecto da parcela do Peleteiro”

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, realizou un chamamento á responsabilidade do alcalde e dos grupos de PP e CA para achegar posicións que permitan sacar adiante o proxecto previsto para a parcela do antigo Peleteiro, co obxectivo de conseguir ese desenvolvemento urbanístico do Ensanche que abre posibilidades de ofrecer dotacións sociais, comerciais e de lecer para a veciñanza, como demanda o asociacionismo neste tempo de crise económica.

Como xa advertira o BNG en xullo de 2021, o alcalde non pode demorar máis este proxecto e debe escoitar as partes, do mesmo xeito que PP e CA que agora están encastelados en cadansúas propostas, sen entender que están a prexudicar o tecido comercial e a veciñanza, co que se pode perder a oportunidade de dispor de novas instalacións públicas neste espazo de non chegar axiña a un consenso político.

Así, Goretti Sanmartín fai un chamamento “á seriedade e á responsabilidade, co abandono do enfrontamento da contenda electoral”. “O BNG sempre foi responsábel para impulsar este proxecto, fóra de intereses partidistas, de aí que no mandato anterior votou a favor de iniciar este proceso que non se puido emprender pola negativa do PP e do PSOE a favorecer ese desenvolvemento”, explicou.

“Hoxe hai unha proposta do Goberno local sobre a que hai que chegar a un acordo, mais o PSOE tampouco foi capaz de crear o consenso maioritario necesario sobre esa alternativa, para a que cómpre introducir as melloras necesarias co fin de que as outras forzas políticas dean un paso adiante para procurar ese consenso, en que deben traballar para conseguir que saia adiante, co fin de evitar que o solar siga co deterioro dos últimos anos e deixando pasar a oportunidade diante dos ollos”, engadiu.

“Desde o BNG entendemos que é necesario buscar ese consenso maioritario e deixar de facer propaganda con cuestións que se sabe que non van a ningún porto, para o que hai que intensificar o labor naqueles aspectos que son cruciais para a vitalidade de Santiago de Compostela, como pode ser neste caso para o comercio e a veciñanza do Ensanche”, sinalou. Desde xeito, reclamou “xenerosidade” a PSOE, PP e CA, “porque se houbo vontade de chegar a acordos co Pacto para o Polo Biotech da Sionlla por parte de toda a Corporación, este é o momento de sacar adiante o desenvolvemento do proxecto desta parcela do Ensanche”.


 


 

Goretti Sanmartín: “O BNG fai un chamamento á responsabilidade dos grupos para sacar adiante o proxecto da parcela do Peleteiro”