PLENO
O BNG traslada ao Pleno un plan de dinamización comercial para a praza de abastos e o proxecto do aparcadoiro soterrado en Belvís
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022.- O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión de traballo con representantes das naves da praza de abastos, onde traballan 130 comerciantes, co fin de contrastar as propostas que presentará no Pleno de marzo destinadas a crear un plan de dinamización comercial que inclúa medidas para mellorar a mobilidade, logo do conflito xerado polo equipo de Goberno de Sánchez Bugallo ao non habilitar novas prazas de estacionamento alternativas coa peonalización de Mazarelos.
Deste xeito, Goretti Sanmartín, a portavoz do BNG, comprometeuse a defender unha iniciativa, en aras do consenso de todos os grupos municipais, para a dinamización do mercado de abastos, que debe ir dirixida a diversos sectores de idades, e que inclúa “unha campaña de difusión, actividades para fomentar a compra de produto fresco de proximidade e degustacións con información sobre alimentos á venda, entre outros”. Isto conterá tamén “unha partida destinada ao fomento da compra directa”, co obxectivo de atraer nova clientela e a fidelizar a quen compra de xeito habitual, mediante o sistema dos Bonos Corazón, co fin de garantir a continuidade deste elemento dinamizador da economía local como é a praza de abastos.
“Non se pode presumir da praza, dicir que é o lugar máis visitado de Santiago despois da Catedral, que recomendan para o turismo mentres coa práctica deixan esmorecer pouco a pouco a súa actividade comercial”, sinalou en rolda de prensa. Así, deu conta de que na reunión expresaron tamén a preocupación pola existencia de 61 postos baleiros, catro deles destinados a almacén, o que denota o declive e o risco de extinción deste mercado tradicional de non reverter esta situación de crise que atravesan, para o que se require unha maior implicación e diálogo por parte das administracións. Amosaron a preocupación de que de luns a venres perderon boa parte da afluencia, co que manter o volume de actividade só os sábados non resulta rendíbel, xunto coas pexas que pon o Goberno local para aparcar nas inmediacións.
Para que volva ser atractivo o feito de mercar na praza de abastos, isto debe levar unha boa experiencia para as persoas usuarias, con facilidades para aparcar nas inmediacións, maiores frecuencias de autobuses, a posta en funcionamento do ascensor desde a rúa da Virxe da Cerca, un sistema de consigna que permita deixar as bolsas para poder ir tomar algo despois e mercar nos comercios próximos, de xeito de que a praza se converta nun polo de atracción para a xente local e da comarca e non só para o turismo, explicou.
En canto á necesidade de ordenación do tráfico e de busca de aparcamento alternativo, Goretti Sanmartín trasladou a proposta que defende o BNG, que está contida no Plan especial para a ordenación do parque público de Belvís, elaborado en 2004, en que se detalla "a ordenación e recualificación da zona deportiva do campo de fútbol que, cunha superficie de 5.000 m2, aloxará no subsolo a nova dotación de aparcadoiro substitutoria do actual e, en superficie, ata 4.000 m2 de usos deportivos". Lembrou que esta proposta do BNG xa fora trasladada, tanto no anterior mandato con CA como no actual co PSOE, para a realización dun proxecto que estude a viabilidade e constrúa ese aparcadoiro soterrado en Belvís, que daría servizo ás persoas usuarias e vendedoras da praza de abastos, xunto coa mellora dos accesos. “Tanto CA, cando estaba no Goberno, como agora o PSOE se comprometeron a facer este proxecto mais non o realizaron”, indicou.
Xa coa vista posta na recuperación para a xestión pública do aparcadoiro da praza de Galiza, que está próxima a caducar a concesión por 25 anos, pódese adoptar un convenio con posibilidade de horario gratuíto para quen vaia comprar ao mercado, para aquelas persoas que non poidan salvar a pendente da rúa das Trompas para acceder desde Belvís. “Dependendo da humanización que se formule para a Virxe da Cerca, Fonte de Santo Antonio e praza de Galiza, entendemos que fóra das humanizacións ten que haber un paso obrigado para aparcadoiros alternativos e disuasorios e o da praza da Galiza é un espazo fenomenal para complementar ese espazo de Belvís”, explicou Goretti Sanmartín.
Ademais, é necesaria unha simplificación da sinalización de estacionamento na zona ORA nos arredores da praza, de xeito que sexa máis doada de comprender e se permita ampliar de 10 a 30 minutos a parada de carga e descarga, porque o tempo actual que resulta insuficiente para o depósito de mercadorías.
“No BNG partimos da premisa, que noutros lugares deu resultado, de que o mellor espazo peonil é aquel onde non hai que prohibir porque xa a xente sabe que só debe de pasar quen o precisa porque xa existe a suficiente concienciación e alternativas para que ese sexa o resultado lóxico”, afirmou. “O que non vale é que nun tramo de 30 metros onda a Facultade de Historia haxa 15 sinais distintos de tráfico con normas de aparcamento, que confunden a poboación e intentan solucionar con presión policial cuestións que deberían levarse a través da concienciación e de medidas alternativas, porque non pode desaparecer a praza de abastos como lugar de referencia de produto de venda e de negocio, non exclusivamente de decorado para o turismo”, sinalou.
Deste xeito, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno de marzo para elaborar un plan de dinamización de compras no mercado de abastos, con Bonos Corazón, acompañado dunha campaña de difusión que resulte atractivo facer a compra de produto fresco, saudábel e de proximidade, ademais de medidas como o proxecto do aparcadoiro soterrado en Belvís para facilitar o estacionamento e a recuperación do da praza de Galiza con prezos públicos e gratuítos para quen vai á praza, xunto co arranxo do ascensor, un sistema de consigna para deixar as mercadorías e a ampliación dos horarios de carga e descarga.