PLENO
O BNG propón unha reserva de prazas para a veciñanza e comercios da avenida de Rodríguez de Viguri no aparcadoiro de Altiboia
“Este Goberno local debe prever espazos alternativos de estacionamento antes de suprimir as prazas habituais de aparcamento”, advirte Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022.- A portavoz do grupo municipal Goretti Sanmartín mantivo un encontro con diversos comerciantes e veciñanza da avenida de Rodríguez de Viguri, afectados pola supresión de prazas de aparcamento sen ofrecerlles unha alternativa por parte do Goberno local. Así, trasladará ao Pleno de marzo a solicitude de que se inclúa esta avenida na área 3 de residentes do aparcadoiro de Altiboia, recentemente remodelado a raíz dunha proposta do BNG, tendo en conta que a maioría das prazas están baleiras de día e de noite.
Coa posta en marcha do aparcadoiro de Altiboia asignouse un espazo reservado para residentes, co que reclaman tal e como se comprometera o Goberno local a brindarlles tamén esa posibilidade á veciñanza e negocios de Rodríguez de Viguri, para facilitar a busca de aparcamento.
“Este Goberno local debe dialogar, coñecer e dar resposta a peticións da veciñanza ademais de prever espazos alternativos de estacionamento antes de suprimir os lugares habituais, posto que este xeito de proceder causa graves molestias, perda de tempo e de recurso económicos á veciñanza, que percibe o tráfico como un dos principais problemas de Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín.
Deste xeito, o BNG solicitará no Pleno de marzo que o Goberno local inclúa na área 3 de residentes a avenida Rodríguez de Viguri de tal maneira que poidan utilizar estas prazas do aparcamento de Altiboia, toda vez que lles suprimiu as prazas que antes estaban dispoñíbeis á beira dos edificios.