PLENO
O BNG propón estudar a xestión directa do recinto feiral de Amio, ao caducar a concesión de 25 anos, para potenciar a súa actividade
Goretti Sanmartín aposta por incrementar o calendario de eventos deste recinto e por crear unha comisión, con participación das organizacións agrarias, para impulsar o sector primario e favorecer a diversificación económica local
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa que trasladará ao Pleno de marzo para a realización dos informes económicos e xurídicos necesarios destinados a recuperar a xestión directa das instalacións do recinto feiral de Amio, tendo en conta o interese público desta operación que en novembro de 2022 conclúe o período de concesión outorgado por 25 anos.
En novembro de 2022 caduca o período de concesión do recinto feiral de Amio e ábrese agora a posibilidade de asumir a xestión directa destas instalacións tendo en conta o interese público desta actividade para a diversificación da economía local e o mantemento do necesario sector primario, ademais de brindar unha maior calidade, control, transparencia, coordinación e eficiencia da prestación de ser internalizada, explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa.
En canto á necesaria subrogación do persoal, a Lei 22/2021, de 28 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022, determina que non computarán para a taxa de reposición e, por tanto, non se terán en conta para o seu cálculo os servizos públicos que pasen a ser prestados mediante xestión directa, na cantidade do número de prazas que a empresa externa destina á prestación dese servizo concreto.
Neste tempo, o mercado gandeiro de Amio conseguiu situarse como o primeiro de Galiza e entre os tres primeiros no Estado español en canto a volume de animais e transaccións. Esta é unha importante actividade para a diversificación económica de cidade de Santiago de Compostela, onde se celebran anualmente 52 feiras de vacún e tradicionalmente 2 de equino, que nos últimos anos se viron interrompidas por mor das medidas sanitarias para a prevención da pandemia da covid-19.
Na memoria do mercado de Amio detállase que en 2021, en canto ao valor económico da actividade gandeira comercial, se alcanzou a cifra global de 29.698.633 euros, cantidade superior á do 2020 en 5.713.000 euros. Por tanto, é un elemento de dinamización da economía local.
Este recinto feiral dispón dunha área expositiva de 14.000 m2 e conta con tres naves ou pavillóns cun uso polivalente e durante o ano 2021 tamén se celebraron eventos de carácter educativo e lúdico, aínda que moitos menos do que era habitual debido á situación de pandemia. Así, nestas instalacións realizáronse no último exercicio cribados vinculados á prevención da covid-19; probas de selección de persoal municipal, para o Parlamento e para a Dirección xeral da Función Pública; un parque de asistencias do Súper Campionato de España de Rallies; a recepción e limpeza dos vehículos da edición-2021 da Volta Ciclista a España; e catro edicións do Salón do automóbil, entre outros.
Goretti Sanmartín lembrou que hai 10 anos o intento de Alfonso Rueda, cando era conselleiro de Presidencia da Xunta e tamén presidente da Fundación Semana Verde, de que o recinto feiral de Silleda acollese a actividade adscrita ao mercado de gando de Amio, en Santiago de Compostela, o que ía supor o cesamento destas instalacións. Este anuncio fora moi polémico ante a falta de diálogo co sector agrario, que reaccionou, xunto coa veciñanza, para reclamar que se mantivese esta feira de gando no emprazamento actual pola actividade socioeconómica que xeraba, destacou.
Nese sentido, afirmou que o Concello debe dar un impulso e realizar un informe económico e xurídico do recinto feiral e o mercado de gando de Amio co obxectivo de estudar o procedemento para recuperar a súa xestión directa, tendo en conta o interese público desta operación que en novembro de 2022 conclúe o período de concesión outorgado por 25 anos.
En previsión de que se opte pola xestión directa, propón que o Concello de Santiago estude outros usos alternativos para potenciar o calendario de eventos deste recinto feiral, de acordo coas demandas do sector comercial e turístico para tirarlle maior rendemento a estas instalacións públicas.
Ademais, propón que o Concello de Santiago cree unha comisión, con participación das organizacións agrarias, para impulsar as actividades do sector primario, evitar o peche de explotacións e favorecer a diversificación económica local cun mellor aproveitamento das instalacións do recinto feiral de Amio.