PLENO
O BNG demanda medidas de seguranza viaria na Costa Nova de Abaixo
Cando chove algúns coches teñen dificultades para sacar as rodas dunha fochanca situada no remate da pendente
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022.- O grupo municipal do BNG reclama que o Goberno local realice as obras necesarias para arranxar o desnivel do cruzamento da Costa Nova de Abaixo coa avenida de Xoán XXIII para mellorar a seguranza viaria e peonil.
Na embocadura da Costa Nova de Abaixo coa avenida de Xoán XXIII existe un pronunciado desnivel na unión co paso de peóns, cunha fochanca lonxitudinal, que provoca problemas a moitos vehículos que descenden por esa vía en pendente.
De feito, cando chove e a auga queda empozada algúns coches teñen dificultades para sacar as rodas da fochanca e mesmo chocan coa defensa contra a superficie de asfalto.
Outro dos problemas é que un dos contedores de residuos ocupa parte do paso de peóns e dificulta o paso cando hai moita afluencia por esa rúa, sobre todo en horario de entrada e saída de centros de ensino e universitarios que están nas proximidades.