PLENO
Goretti Sanmartín insta o alcalde a axilizar o procedemento da obra da nova estación depuradora
Rematou o prazo para a redacción do proxecto e aínda non se facilitou esta documentación aos grupos municipais
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022.- O grupo municipal do BNG insta o Goberno local a axilizar o procedemento para a obra da nova estación depuradora de augas residuais, xa que vén de concluír o prazo de redacción do proxecto.
Deste xeito, no Pleno de marzo solicitaralle ao alcalde información sobre os prazos previstos para a posta en marcha deste proxecto, en aras da transparencia, tendo en conta que se trata dunha das infraestruturas máis importantes para a protección ambiental e que acumula anos de atraso a súa execución.
A redacción do proxecto, execución das obras e explotación da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, que contou un orzamento base de licitación de 59.774 euros, foi adxudicada con data 24 de xuño de 2021 e formalizado o contrato o 3 de setembro de 2021, co que acaba de rematar o prazo para a súa realización sen que se facilitase esta documentación aos grupos municipais.
Este proxecto ten un prazo de execución de 48 meses distribuídos en 5 meses para a redacción do proxecto, 1 mes para a supervisión do proxecto, 30 meses para a execución da obra e 12 meses para a explotación da obra, polo que cómpre continuar co procedemento para axilizar a súa entrada en funcionamento.
Así, desde o BNG preguntarán se o Concello xa recibiu xa este proxecto e, de ser afirmativo, cando llo van trasladar aos grupos municipais e proseguir coa tramitación.