PLENO

O  BNG reclama que se convoque de inmediato o Debate do Estado do Municipio para analizar a crise económica local

Goretti Sanmartin
Goretti Sanmartin
Preguntará polo gasto previsto polo Goberno local do PSOE nunha publicación sobre as obras realizadas, xa que resulta escandaloso destinar estes recursos á propaganda cando as familias teñen graves problemas para chegaren a fin de mes
O  BNG reclama que se convoque de inmediato o Debate do Estado do Municipio para analizar a crise económica local

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama que se convoque canto antes o Debate do Estado do Municipio, pois desde o 30 de xaneiro do ano pasado non se realizou e nestes momentos, cando estamos en plena crise económica, con inflación e problemas de empobrecemento agravados pola pandemia do coronavirus e polo escenario bélico internacional con consecuencias no ámbito local, é moi necesaria esta análise.

“É lóxico estudar e poñer en común por parte dos grupos políticos o que aconteceu o ano pasado no ámbito municipal para ver o futuro que temos por diante”, engadiu. “Esta situación precisa dunha reflexión, para poder debatela e dedicar un tempo para analizar como tratar esta situación problemática que viven moitas familias de Compostela e colectivos vulnerábeis, con moitas persoas que non chegan a fin de mes e cunha situación crítica no comercio de proximidade”, sinalou.

Así, o BNG demándalle ao alcalde que convoque de xeito inmediato ese Debate do Estado do Municipio que se comprometera a facelo xa a comezos deste ano e no final deste primeiro trimestre aínda non fixo pública a data da súa organización.

Publicación sobre obras

Ademais, o BNG considera que nunha situación de crise como a actual está fóra de lugar a intención do concelleiro de Obras de enviar unha publicación a cada vivenda sobre o estado dos labores, como anunciou en medios de comunicación.

“É unha burla á veciñanza que se gaste o diñeiro público en propaganda por parte do Goberno de Sánchez Bugallo cando o que imperou nestes tres anos foi o descontento pola descoordinación, os atrasos e o pésimo resultado das obras en distintos puntos da cidade, por non mencionar o estado lamentábel da rede viaria que segue a ter numerosas fochancas e eivas de accesibilidade”, sinalou Goretti Sanmartín.

Así, anunciou que trasladará unha pregunta para saber canto diñeiro ten previsto gastar o concelleiro de Obras na edición e distribución desta publicación, cando eses recursos económicos poderían ser destinados a finalidades máis necesarias nestes momentos en que as familias teñen dificultades para chegaren a final de mes.

 

 

O  BNG reclama que se convoque de inmediato o Debate do Estado do Municipio para analizar a crise económica local