PLENO
O BNG propón que se habiliten paneis de comunicación social para a difusión de eventos
A normativa estabelece que estes soportes deben situarse nos peches das obras e en emprazamentos visíbeis e transitados, para garantir a súa función
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022.- O BNG defenderá unha iniciativa no Pleno para que o Concello de Santiago habilite paneis de comunicación social que poden contribuír, en boa medida, a reducir a cartelaría colada en lugares inapropiados debido, xustamente, á falta de espazos adecuados para este fin.
Goretti Sanmartín, portavoz do grupo municipal do BNG, lembrou que se aprobou no mes de maio de 2016 unha iniciativa do BNG para a instalación de novos paneis de comunicación social en emprazamentos visíbeis e transitados, tanto nos barrios como no centro da cidade, unha proposta que a formación nacionalista incluíu, ademais, en diversas ocasións na negociación dos Orzamentos municipais con CA mais que non se fixo efectiva pese ao seu baixo custe económico e o aforro en limpeza que pode supor a dotación destes soportes publicitarios.
En Santiago de Compostela están instalados diversos paneis para a comunicación social que poden ser usados por asociacións, partidos, sindicatos, comisións de festas e industrias culturais, entre outros, para daren a coñecer convocatorias das actividades que desenvolven. Porén, dende a súa colocación, moitos destes soportes foron retirados e outros que se atopan moi deteriorados precisan dunha revisión para cumpriren a súa función de favorecer a difusión de información e contribuír á liberdade de expresión. Como se reclamara xa daquela, o BNG require tamén a revisión daqueles paneis estragados e a garantía de que as empresas construtoras cumpran co previsto na ordenanza e poñan a disposición espazos destinados a este fin no peche das obras.
En xaneiro de 2015, a Valedoría do Pobo realizoulle unha suxestión ao Concello de Santiago en relación coa habilitación de espazos para a comunicación social nos valados das obras. A normativa estabelece que estes paneis deben situarse, ademais de nos peches das obras, en soportes instalados polo Concello en emprazamentos visíbeis e transitados, para garantir a súa función. Tamén o Regulamento municipal de participación cidadá recoñece a finalidade destes taboleiros. Así mesmo, o seu tamaño debe ser o suficientemente amplo para a demanda existente nunha cidade coas características de Santiago de Compostela.
No caso das obras, na actualidade segue sen dispor deste espazo previsto na ordenanza de publicidade estática, nin tan sequera nos valados de obras realizadas pola entidade municipal nin por outras administracións públicas.