MOBILIDADE
Goretti Sanmartín insta o alcalde “a saír da ambigüidade” e a explicar as restricións de tráfico para crear as zonas de baixas emisións
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou en rolda de prensa unha iniciativa que trasladará ao Pleno de marzo para saber a planificación do Goberno local sobre as medidas para contribuír a crear zonas de baixas emisións e as repercusións para a veciñanza de Compostela. “O alcalde quere moverse na ambigüidade calculada, pois sabe que ten que facer iso e cumpre co mínimo”, advertiu, “mais Santiago ten que ser vangarda para as políticas de mobilidade”.
A Lei de Cambio climático e transición enerxética obrígalles aos concellos de máis de 50.000 habitantes a redactar un Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel, que en Santiago aínda está sen facer, e o que propón o Goberno do Estado do PSOE é prohibir a entrada e circulación daqueles vehículos que non teñan distintivos ECO, CERO ou C (híbridos ou eléctricos) ao centro das cidades, de tal xeito que os coches e furgonetas que teñan máis de 15 e de 8 anos terán problemas para transitaren por esas zonas que se indiquen ou terán que pagar por entrar nesas áreas.
Desde a perspectiva do BNG, esta lei confunde dúas cousas, que as cidades teñen excesivo tráfico e hai que reducilo e se o xeito de reducilo é fomentando a desigualdade económica, porque isto vai agravar as persoas que non poden facer o cambio de vehículos, ademais de favorecer os lobbies dos automóbiles e das eléctricas fronte á poboación que ten dificultades para chegar a fin de mes.
A orixe desta nova normativa está vinculada ao expediente aberto pola Comisión europea ao Estado español pola contaminación da cidade de Madrid e da área metropolitana de Barcelona. As cidades de menos de medio millón de habitantes e, en particular todas as galegas, non teñen problemas de contaminación atmosférica de relevancia. Unha vez máis Galiza, neste caso as cidades galegas, van pagar as consecuencias dos problemas xerados en Madrid.
Así, Goretti Sanmartín expuxo en rolda de prensa algúns datos como que en Galiza hai 590.000 vehículos rexistrados cunha idade superior aos 15 anos de antigüidade que van estar afectados, mentres que en Santiago hai 7.365 vehículos con máis de 25 anos e tan só hai 341 híbridos e eléctricos, que supoñen un 0,5% do total.
Lembrou que o alcalde fixo declaracións sobre que isto vai aplicarse só na améndoa da Cidade histórica, e como está peonalizada non vai ter practicamente repercusión, aínda que isto tamén vai afectar a persoal con furgonetas e clientes da praza de abastos, “mais o certo é que a previsión da lei é que vai ampliar as restricións e a peaxe ao conxunto ou a amplas zonas da cidade, con repercusións moi importantes a nivel económico”.
“Para o BNG, este non é modelo que ten lóxica que se implante en Galiza nin en Santiago de Compostela, xa que apostamos pola redución do tráfico como se aplicou en Pontevedra, que conseguiu numerosos premios internacionais polas medidas adoptadas en canto á mobilidade e accesibilidade, ademais de reducir as emisións de gases en máis dun 75% e de ser un referente en políticas para a saúde e en seguranza viaria”, indicou.
Así, o BNG formulará unha serie de preguntas no Pleno para coñecer se ten prevista o Goberno local unha estimación do que vai significar no plano económico para a veciñanza e empresas compostelás a adecuación ao disposto nesta lexislación, que implicar a compra de vehículos novos nun momento de crise como o actual. Non só para o ano 2023, tamén para os seguintes anos porque a previsión é ampliar a máis zonas da cidade, incidiu.
Outra pregunta será se considera o Goberno local que o estabelecemento de zonas de baixas emisións contidas nesta Lei de Cambio climático e transición enerxética e no Anteproxecto de Lei de Mobilidade sustentábel se corresponden coa realidade galega e de Santiago de Compostela, en particular.
A interpelación tamén fai referencia a se ten previsto o Goberno local manter a idea inicial de restrinxir o tráfico na Cidade histórica aos vehículos que non dispoñan da etiqueta correspondente e/ou pagar peaxe por circular por ela e cal é a previsión para a aplicación en todas as fases, non só en 2023.
Tamén preguntará cando estará o Plan de Mobilidade, cales serán os prazos e as previsións a medio prazo que manexa o Goberno local para estabelecer as Zonas de Baixas Emisións.
“O alcalde quere moverse na ambigüidade calculada, pois sabe que ten que facer iso e cumpre co mínimo”, advertiu, “mais Santiago ten que ser vangarda para as políticas de mobilidade” e priorizar andar a pé e fomentar o transporte colectivo. Así, afirmou que “o alcalde quere conseguir que se fagan políticas de silencio, de non dicir o que vai pasar”, destacou.