O BNG leva ás rúas de Compostela o decálogo de medidas contra a suba de prezos

reparto
reparto
Militantes da formación nacionalista realizaron un reparto informativo da campaña "Os prezos soben, os teus cartos baixan: fagámonos valer" para anunciar a manifestación do domingo 3 de abril en Santiago
O BNG leva ás rúas de Compostela o decálogo de medidas contra a suba de prezos

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022.- O BNG de Santiago organizou un reparto informativo da campaña "Os prezos soben, os teus cartos baixan: fagámonos valer, hai alternativas" que propón un decálogo de medidas urxentes para axudar as familias e os sectores máis afectados da economía galega ante a inflación.

“Esta campaña vén denunciar a suba desproporcionada de prezos e baixada de poder adquisitivo do conxunto da poboación”, explicou Goretti Sanmartín en declaracións aos medios de comunicación. “É unha situación insoportábel e non podemos consentir que sigan paralizados tanto o Goberno español como o da Xunta de Galiza e, por iso, facemos un chamamento a participar na manifestación do domingo 3 de abril ás 12:00 desde a Porta do Camiño á praza da Quintana”, sinalou.

Así, o BNG presentou un decálogo de medidas urxentes para solucionar esta situación, “para conseguir unha fiscalidade para que paguen máis quen máis teñen, que os sectores vulnerábeis e as persoas con dificultades para chegar a final de mes poidan pagar menos, de xeito que se distribúa a riqueza de maneira xusta e proporcional”.

“Tamén solicitamos que se baixe o IVE dos bens e servizos básicos, dos alimentos, da hixiene, do transporte público, da electricidade e do gas”, indicou. O BNG reclama o incremento das pensións e dos salarios máis baixos, até chegar ao 60% do salario medio actual, e que se faga, realmente, un incremento do ingreso mínimo vital e sexa compatíbel coa RISGA. “Necesitamos medidas de urxencia con intervención no mercado da vivenda, de tal maneira que se facilite o acceso á xente máis nova con esas vivendas da SAREB”, engadiu. Así, a portavoz municipal nacionalista en Raxoi anunciou que trasladará esta serie de propostas ao Pleno do Concello, igual que levou o BNG ao Parlamento e o Congreso.

Pola súa parte, a deputada Iria Carreira reclamou medidas para paliar o impacto da crise sobre as mulleres, “logo do 8 de Marzo, cando comprobamos que as mulleres padecen unha devaluación no emprego ao soportaren maior precariedade, temporalidade e salarios máis baixos, é preciso que se destinen medidas encamiñadas a corrixir esa desigualdade”. Tamén se referiu á mocidade, “que ten empregos temporais e moi dependentes do sector servizos, nomeadamente da hostalaría, co que padecen un impacto moi importante derivado da suba de prezos, para o que reclamamos que se incremente o importe das bolsas de estudos”, indicou.

 

 

 

O BNG leva ás rúas de Compostela o decálogo de medidas contra a suba de prezos