PLENO
O BNG propón mellorar a coordinación da difusión das actividades culturais e descentralizar a oferta polos distintos barrios
A veciñanza e o tecido comercial reclaman actividades de dinamización cultural tanto no Ensanche como nas parroquias
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2022.- O BNG de Santiago presentará unha moción no Pleno para realizar unha mellor difusión das actividades dos centros socioculturais, para descentralizar a oferta cultural en sinerxía co pequeno comercio e para coordinar as axendas de actividades culturais das diferentes administracións e entidades privadas que conflúen na oferta de eventos de Compostela.
Santiago de Compostela dispón dunha ampla rede de centros socioculturais cunha oferta de actividades, exposicións e cursos para distintas idades que é insuficiente e que se viu reducida de maneira drástica no rural e carece de promoción suficiente, posto que hai persoas que descoñecen a programación e horarios para se poderen inscribir e participar. Noutras ocasións, non se aproveita unha determinada actividade, por exemplo, unha exposición, para ofertar unha serie de actos complementarios, perdendo a oportunidade de rendibilizar determinado evento. “Isto é especialmente dramático cando se dá en actos do propio Concello, mais debería ser unha constante tamén para con aqueloutras actividades promovidas polas diversas administracións que ofertan programación cultural na nosa cidade”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.
De feito, só se realiza a difusión conxunta das actividades dos centros socioculturais no momento en que se presenta o calendario de actividades ou cando se inaugura unha exposición, mais fóra das redes sociais non se dá a coñecer a oferta de xeito continuado. Este xeito limita a divulgación do labor que se realiza e supón un atranco á hora de participar potenciais persoas usuarias. Así é que a afluencia resulta escasa e diminuíu de xeito considerábel nos últimos anos.
Por outra parte, a veciñanza e o tecido comercial reclaman actividades de dinamización cultural descentralizadas, tanto no Ensanche como nos barrios, para animar as persoas a visitar distintos emprazamentos e favorecer o acto das compras e de descubrir novos estabelecementos de pequeno comercio. Artes escénicas, concertos, creación plástica, danza, cine ao aire libre poden resultar atractivos para dispor dunha programación cultural e artística descentralizada en distintas prazas dos barrios de Santiago, posto que a maioría destas actividades se limitan á Cidade histórica.
“Hai tempo que se detectou a necesidade de coordinar as axendas de oferta cultural no noso concello tanto das diferentes administracións como das entidades privadas que interveñen culturalmente no territorio compostelán”, sinalou.
Así, o BNG defenderá que o Concello de Santiago ten que descentralizar os actos culturais aos distintos barrios para favorecer a participación veciñal independentemente do lugar de residencia e dos recursos económicos, cos obxectivos de incrementar a cohesión social e a igualdade de oportunidades, ao tempo que se procuran sinerxías para a dinamización do pequeno comercio compostelán. Ademais, proporá que pule pola coordinación de axendas de actividades culturais das diferentes administracións e entidades privadas que conflúen na oferta cultural de Compostela.