PLENO

O BNG presenta unha moción para rexeitar o acordo do Goberno español con Marrocos que non resolve o conflito saharauí

Navia Rivas, concelleira do BNG
Navia Rivas, concelleira do BNG

A decisión do Goberno de Pedro Sánchez sobre o Sáhara Occidental conta cun amplo rexeitamento social e vai en contra das resolucións a nivel internacional

O BNG presenta unha moción para rexeitar o acordo do Goberno español con Marrocos que non resolve o conflito saharauí

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2022.- O grupo municipal do BNG presentará unha moción no Pleno para que o Concello de Santiago traslade ao Goberno español o rexeitamento ao acordo con Marrocos que somete o pobo saharauí, logo de anos de ocupación ilegal do territorio do Sáhara Occidental e de vulneración dos dereitos humanos. Así, aposta por retornar á posición de buscar unha solución que garanta o respecto do dereito internacional e as resolucións para o recoñecemento do dereito de autodeterminación do pobo saharauí. 

"Ademais, proporemos que o Concello de Santiago lle demande ao Goberno do Estado español que lle esixa a Marrocos que cese de inmediato a sistemática violación dos dereitos humanos da poboación saharauí que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sahara Occidental", explicou a concelleira Navia Rivas.

En 1975, despois dun informe da ONU, o Estado español comprometeuse a convocar un referendo de autodeterminación do territorio saharauí, mentres que Marrocos e Mauritania reivindicaban este espazo ocupado pese á proclamación da República Árabe Saharauí Democrática. Porén, nin a comunidade internacional a través das Nacións Unidas, nin o Estado español como responsábel do proceso de descolonización do Sáhara Occidental, foron quen de garantir o respecto do dereito internacional e o cumprimento das resolucións que recoñecen o dereito de autodeterminación do pobo saharauí.

Os territorios do Sáhara Occidental, repartidos en primeira instancia e co beneplácito e complicidade do Goberno español, en 1975, entre Marrocos e Mauritania, continúan ocupados de maneira ilegal polo Estado de Marrocos, unha ocupación non recoñecida por supor unha vulneración flagrante do dereito internacional. Neses territorios ocupados, milleiros de saharauís sofren a represión e a violación dos dereitos humanos por parte das autoridades marroquís, o que implicou declaracións de condena e de rexeitamento en ámbitos como as Nacións Unidas ou o Parlamento europeo.

Outra parte da poboación saharauí vive refuxiada en condicións infrahumanas desde hai 50 anos, no deserto alxeriano, un dos lugares máis inhóspitos e inhabitábeis do planeta, preto da cidade de Tinduf. E nas últimas décadas, coa pretensión de dobregar o pobo saharauí, reduciuse de xeito alarmante a axuda humanitaria e o programa de alimentos, imprescindíbeis para a subsistencia dos refuxiados e refuxiadas.

En 1979 creouse a Misión da ONU para o Referendo do Sáhara Occidental (Minurso) como fase transitoria dunha consulta para decidir o pobo saharauí  entre a súa independencia ou a integración en Marrocos. Este referendo de autodeterminación aínda non se produciu.

En novembro de 2010, as forzas de ocupación marroquís disolveron violentamente o campamento de Gdeim Izik, nos arredores de El Aiún, organizado por máis de 20.000 saharauís para protestar polas condicións infrahumanas en que viven.

En febreiro de 2013, o Parlamento europeo adoptou unha resolución coa preocupación polo feito de se continuaren violando os dereitos humanos no Sáhara Occidental, pedindo protección dos dereitos fundamentais do pobo saharauí, incluída a liberdade de asociación, expresión e manifestación, ademais de esixir a liberación das presas e presos políticos. Tamén expresou o seu apoio a unha solución xusta e resolutiva do conflito, amparada no dereito á autodeterminación do pobo saharauí, de acordo coas resolucións das Nacións Unidas.

Consideramos a postura do goberno español como unha traizón ao pobo saharauí, xa que se prega aos intereses de Marrocos e vai en contra de todos os acordos adoptados até o momento polas institucións internacionais, que unanimemente se teñen pronunciado a favor do dereito do pobo saharauí a exercer o seu dereito de autodeterminación, por medio dun referendo entre a súa poboación.

A postura do goberno español supón lexitimar a ocupación por parte de Marrocos, a represión, a violación dos dereitos humanos e o roubo das riquezas existentes en territorio saharauí. Ademais demostra que a política exterior do goberno español se alinea claramente cos posicionamentos dos EUA e de Israel, dous estados coñecidos pola súa política imperialista de agresión a outros pobos, e apoio a réximes antidemocráticos, como é o caso da monarquía marroquí.

O cambio de posición do Goberno español producido hai unhas semanas, que acepta a proposta presentada por Marrocos en 2007, deixa o Sáhara Occidental baixo a soberanía marroquí, agás algunhas competencias que quedarían cedidas ao Fronte Polisario, que actualmente rexe a autoproclamada República Árabe Saharauí Democrática. Esta decisión do Goberno de Pedro Sánchez conta co rexeitamento da opinión pública e de diversos colectivos e vai en contra das resolucións a nivel internacional. Desde o colectivo  Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) consideran un erro desafortunado esta decisión do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que sucumbiu á presión de Marrocos e advirte de que isto vai supor unha fenda con Alxeria, en vez de procurar unha saída pacífica ao conflito que respecte os dereitos e liberdades do pobo saharauí. 

 

 

O BNG presenta unha moción para rexeitar o acordo do Goberno español con Marrocos que non resolve o conflito saharauí