ELECCIÓNS
A Asemblea do BNG acorda non entrar no Goberno de Santiago
“Fican moitas vías de diálogo abertas e posibilidades de acordos puntuais, sempre sobre a base do noso programa e de conseguir que Santiago avance con políticas transformadoras e galeguizadoras”, afirma Goretti Sanmartín
“Aínda que os resultados non foron satisfactorios, tanto o Consello como a Asemblea local, valoraron moi positivamente o feito de sumar 1.540 votos máis aos que tiñamos nas últimas municipais”, destaca Xesús Domínguez
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019.- “A Asemblea e o Consello local xulgan que non se dan as condicións para entrar no Goberno local de Santiago de Compostela neste momento e, sen cerrar ningunha porta para retomar esta cuestión nun momento posterior, o BNG pasará no futuro inmediato a exercer o seu papel dunha oposición construtiva, cun seguimento moi estrito dos pasos dados por Xosé Sánchez Bugallo nos primeiros meses desta nova etapa no Concello de Santiago”, afirmou Goretti Sanmartín en rolda de prensa.
Segundo explicou, na semana seguinte ás eleccións mantivo un encontro con Xosé Sánchez Bugallo, tras unha chamada del, onde lle trasladou que “o PSOE estaba preparado para gobernar en minoría, mais que lle parecía ben que entrásemos no goberno”. “Á lóxica pregunta de se tiña pensado facer ese convite a algunha outra formación dado que entre as dúas forzas non tiñamos maioría absoluta, a súa resposta foi que non lle preocupaba a estabilidade e que iría chegando a acordos tanto coas forzas da esquerda como co PP, dependendo dos temas e das situacións”, engadiu.
Logo de avaliar a proposta no Consello e na Asemblea local, e tendo en conta que a suma de concelleiras/os do PSOE e do BNG non chegan a 13, un número que daría a estabilidade precisa para un compromiso de gobernabilidade para os catro anos do mandato. Sen intención de ningún outro pacto estábel, “o BNG xulgou que a solución resultante sería de incerteza para o concello; preocúpanos, pois, a inestabilidade que se poida deducir desta situación”, explicou. Ademais, Xosé Sánchez Bugallo xa anunciou que procuraría “acordos pola dereita e pola esquerda, unha opción que vemos con perigo de ofrecer un resultado escorado cara a políticas de dereita que se sitúan moi lonxe das defendidas polo BNG”. “Nós dixemos durante a campaña que queriamos ser a garantía de políticas de esquerda, transformadoras e galeguizadoras; coas perspectivas que se abren nada diso está garantido”, engadiu.
“Avaliación, control, seguimento, iniciativas, propostas e diálogo será a nosa folla de ruta a partir deste momento; lembremos que, igual que o faciamos hai catro anos, un goberno en minoría está obrigado a dialogar constantemente e aí o goberno sempre nos atopará”, afirmou. “Evidentemente, fican moitas vías de diálogo abertas e posibilidades de acordos puntuais, sempre sobre a base do noso programa e de conseguir que Santiago avance con políticas transformadoras e galeguizadoras”, sinalou Goretti Sanmartín.
Nese sentido, explicou que mantivo un segundo encontro con Xosé Sánchez Bugallo para lle solicitar unha xuntanza formal entre o BNG local e o grupo socialista para lles trasladar cuestións urxentes “e sobre as que é preciso que existan amplos consensos, algo para o que nos ofrecemos desde xa a traballar”. Referiuse a temas aprobados e sen executar como a construción de parques cubertos ou a substitución da cuberta da piscina de Sar, de servizos como o contrato de comedores escolares e da Escola Municipal de Música, de melloras inminentes nos barrios, ademais de propostas que foron obxecto constante de debate na campaña electoral, como a mobilidade, o pacto polo rural e a dotación de servizos, o plan de reindustrialización e infraestruturas, o plan contra a violencia de xénero e LGTB fobia, a revisión do modelo de turismo, a reordenación da administración e a facilitación das licenzas urbanísticas, o plan para o comercio de proximidade, a posta en funcionamento dos Consellos de participación cidadá, o impulso á nosa lingua a as políticas ambientais e de mobilidade, entre outras.
Pola súa parte, Xesús Domínguez, responsábel local do BNG sinalou na avaliación de resultados que a pesar do importante avance cuantitativo en número de votos, mirado no seu conxunto o resultado electoral en Compostela, as veciñas e veciños de Santiago situaron o BNG na oposición, con dúas concelleiras dun total de 25 membros da Corporación. “Queremos insistir en que é moi importante gobernar mais nun sistema democrático é moi importante a oposición, que pode e debe facer o control e seguimento da acción de goberno e facer propostas de mellora”, afirmou.
“Aínda que os resultados non foron satisfactorios, tanto o Consello local como a Asemblea local, reunidos o pasado 5 de xuño, valoraron moi positivamente o feito de sumar 1.540 votos máis aos que tiñamos nas últimas municipais, o que dá un total de 4.870 persoas que confiaron no BNG nas pasadas municipais”, sinalou. Deste xeito, agradeceu este apoio, en nome do BNG, que se traduce nun importante incremento, e máis do 30%, logo dunha vaga de vinte anos de retrocesos nos procesos electorais municipais. Pasamos dun 6,92% ao 9,31%, e quedamos a só 1,1 puntos e 570 votos da terceira acta.
“Canto ás europeas acadamos un 15% con 7.756 votos e Santiago tivo o mellor resultado de todas as cidades”, destacou. É evidente que hai moita marxe inmediata de mellora nesas 3.000 persoas máis que optaron por unha papeleta do BNG para as europeas. A nivel nacional somos claramente a terceira forza tanto nas municipais como nas europeas, sinalou Xesús Domínguez.