NOVA CORPORACIÓN

Goretti Sanmartín e Navia Rivas toman posesión como concelleiras do BNG no Pazo de Raxoi

corporacion2019 220
Compañeiras e compañeiros do BNG con Goretti Sanmartín e Navia Rivas

“O BNG será catalizador das demandas do tecido asociativo veciñal, cultural, social, feminista e económico”, explica Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín e Navia Rivas toman posesión como concelleiras do BNG no Pazo de Raxoi

Navia Rivas, de 26 anos, foi integrante da mesa de idade da sesión de constitución da Corporación municipal

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2019.- Goretti Sanmartín Rei e Navia Rivas de Castro tomaron posesión como concelleiras do BNG no Pazo de Raxoi, durante o acto de constitución da nova Corporación municipal. Goretti Sanmartín, que será a portavoz do grupo municipal nacionalista, destacou que nesta nova etapa que se abre “o BNG será catalizador para trasladar ao Pleno iniciativas do tecido asociativo veciñal, cultural, social, feminista e económico de Santiago de Compostela”.

O asociacionismo terá o grupo municipal do BNG como aliado para demandar melloras para os barrios, actividades culturais, iniciativas sociais e empresariais co fin de conseguir que Santiago de Compostela sexa unha cidade máis inclusiva, integradora e galeguizada, explicou.

“O feito de sumar 1.540 votos máis que nas pasadas eleccións municipais dános azos para proseguir co traballo realizado polo BNG, que contará con enerxía e vitalidade para desenvolver as propostas do programa destinadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza”, afirmou. Destacou tamén o labor e a dedicación de Rubén Cela que foi quen de lograr consensos na Corporación municipal polo ben da cidade nos dous últimos mandatos municipais.

O BNG realizará unha oposición construtiva e tenderalle a man ao Goberno municipal entrante para sacar adiante os proxectos vitais para a cidade, ademais de exercer o labor que lle corresponde de fiscalizar e controlar a acción gobernamental. Deste xeito, diante da opción anunciada polo novo alcalde de chegar a acordos coa dereita e coa esquerda, cunha posición “que pode crear inestabilidade para Santiago de Compostela, o BNG aposta pola avaliación e o seguimento das actuacións, xunto coa procura de consensos que serán a folla de ruta para conseguir avanzar con políticas transformadoras, de esquerdas e galeguizadoras”, sinalou a preguntas de xornalistas.

A vindeira semana, ademais de rexistrar a conformación do grupo municipal do BNG e de iniciar os contactos para a proposta do Pleno de Organización, Goretti Sanmartín está á espera da resposta do alcalde para manter un encontro para lle trasladar os puntos fundamentais para chegar a acordos e sobre os que o grupo municipal nacionalista presentará iniciativas nos vindeiros meses.

 

Goretti Sanmartín e Navia Rivas toman posesión como concelleiras do BNG no Pazo de Raxoi