ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “O resultado que obtivo o BNG foi positivo mais non suficiente para incrementar representación no Concello”
Entre as causas do resultado, destacou a polarización entre PSOE e CA “que provocou que a mensaxe do BNG non chegase a todos aqueles sectores e lugares que queriamos”
“Temos ilusión, enerxía e forzas para comezar esta nova etapa e conseguir ampliar a confianza en sectores máis grandes da poboación”
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2019.- Goretti Sanmartín e Navia Rivas compareceron ante os medios de comunicación para realizaren unha valoración dos resultados das eleccións do 26 de maio, onde o BNG tivo 4.870 votos e 2 escanos de representación na Corporación municipal. “O resultado que obtivo o BNG foi positivo mais non suficiente para incrementar representación”, mais as dúas concelleiras electas, así como o Consello local e a militancia do BNG seguirán a traballar “para levar adiante as propostas do programa para que revertan no beneficio e na mellora da vida do conxunto da veciñanza”, destacou Goretti Sanmartín.
O BNG tivo en Santiago 4.870 votos nas eleccións municipais, que son 1.541 votos máis que os obtidos en 2015, o que supón un incremento do 31,64% dos votos con respecto a 2015, pasando de representar o 6,92% do electorado de Santiago ao 9,31% “Estes resultados son positivos porque aumentamos porcentaxe de voto tamén a respecto das eleccións anteriores, do 8,81% obtido nas Eleccións xerais ao 9,31% das Eleccións municipais e ao 15,02% das eleccións europeas”, explicou.
“Mais estes resultados non podemos consideralos satisfactorios porque quedamos a 1,1 puntos do terceiro concelleiro, o que suporía un incremento dunha persoa máis no Concello de Santiago”, destacou. O terceiro concelleiro sairía con 10,41%; e en votos serían precisos 575 máis, cando as expectativas do BNG eran incrementar a representación, engadiu.
“Aínda así, isto marca unha senda para o futuro e rompemos unha tendencia de descenso electoral continuado nos últimos 20 anos, desde o 1999, cando o BNG tiña 5 representantes na Corporación municipal”. Neste sentido, afirmou que o BNG vai seguir a traballar, ademais de agradecer as persoas que depositaron o seu voto para o BNG, “porque imos continuar a impulsar iniciativas para mellorar os problemas de Santiago de Compostela, nun proxecto que debe liderar Xosé Sánchez Bugallo a quen xa onte aproveitamos para felicitar polos seus resultados”.
Entre as causas do resultado, destacou que se produciu fundamentalmente “por unha polarización na campaña electoral que fixo que a nosa mensaxe non chegase a todos aqueles sectores e lugares que queriamos”. “O positivo é a ruptura da tendencia á baixa, polo tanto ese BNG en alza existe aínda que en menor medida en que nos gustaría e iso tamén se ve no resultado para as eleccións europeas, pois temos o mellor resultado das cidades galegas cun apoio de 7.756 votos en Santiago de Compostela”, sinalou.
Hai case 3.000 persoas que non votaron BNG nas municipais mais si nas europeas, “por iso hai unha marxe de mellora para traballar de cara ao futuro para esas persoas que teñen o BNG como referente mais que, por cuestións como esa polarización só collesen o voto do BNG para as europeas e non para as municipais”, dixo. “É por iso que temos esa ilusión, enerxía e forzas para comezar esta nova etapa e conseguir ampliar a confianza en sectores máis grandes da poboación”, afirmou Goretti Sanmartín.
Navia Rivas destacou que houbo “unha corrente de simpatía de votos derivados das Eleccións xerais que influíron nos resultados que obtivo o PSOE no conxunto do país e nomeadamente en Santiago foi un dato importante”. “Notamos unha polarización no ámbito da esquerda, entre os candidatos Martiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo e estas eleccións tiveron desde o inicio un ton presidencialista e de loita e combate directo entre os dous, onde o BNG tivo moi difícil meter a cabeza e competir nese contexto tan polarizado”, explicou. “Iso reverteu en que a nosa mensaxe non chegou a tantas persoas como queriamos inicialmente”, engadiu.
A pesar das dificultades inherentes a calquera cambio na cabeza de lista, “con Goretti Sanmartín produciuse un relevo moi bo e había unha moi boa valoración da candidata, a segunda mellor valorada na campaña”, destacou. Tamén detectou unha boa valoración social da súa campaña, no relativo a coñecemento dos temas, capacidade dialéctica nos debates, ao ton propositivo e á predisposición para o diálogo, xunto coa renovación importante da lista que presentou o BNG.
A pesar de facer unha campaña con poucos medios materiais con respecto a outras candidaturas houbo un importante traballo do BNG de presenza física nas rúas por parte de candidatos e candidatas en repartos informativos, co que tivo unha boa visibilidade, e tamén unha boa secuenciación mediática da alternativa programática e ideas forza, “para dar a coñecer a mensaxe central que era que canto máis BNG tivésemos no Concello de Santiago, mellor lle iría aos santiagueses e santiaguesas; nun contexto sen maiorías absolutas e sen posibilidade de gobernos de dereitas, o BNG sería unha forza determinante á hora de garantir políticas nacionalistas e de esquerdas”, sinalou Navia Rivas.
Nos próximos días avaliaranse os resultados máis polo miúdo no Consello local e na Asemblea local do BNG.