CENTROS SOCIOCULTURAIS

O BNG proporá no Pleno axilizar as xestións para abrir o centro sociocultural do Romaño, que leva dous anos acabado

O alugueiro dun pequeno local para realizar as actividades mentres este equipamento está pechado cústalle ao Concello 2.652 euros semestrais

O BNG proporá no Pleno axilizar as xestións para abrir o centro sociocultural do Romaño, que leva dous anos acabado

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2017.- O grupo municipal do BNG trasladará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para proporlle ao Goberno local que axilice as xestións pendentes para abrir, dunha vez por todas, o centro sociocultural do Romaño-Vista Alegre, co obxectivo de que a veciñanza poida usar este espazo para desenvolver as súas actividades.

A Xunta de Goberno Local adxudicou en maio de 2014 o contrato desta obra por un importe de 631.240 euros mais IVE, cun prazo de execución de 10 meses dende o seu inicio. A obra segue sen certificar e leva máis de dous anos sen prórroga recoñecida. Parte dos gastos de contratación corresponden ao programa Santiago Urbana Norte, cofinanciado pola UE con cargo ao FEDER.

Ademais, manter pechado este centro suponlle ao Concello de Santiago un gasto a maiores de 2.652 euros semestrais, que é o que sufraga do alugueiro dun pequeno local situado na rúa Torreira para a asociación veciñal do Romaño.

En concreto, en decembro de 2016 a Xunta de Goberno renovou a prórroga de alugueiro deste local “para que este equipamento permita a realización das actividades e os programas socioculturais e veciñais que se veñen realizando no barrio do Romaño  mentres non se abre o novo equipamento” segundo se explicita na documentación.

O BNG proporá no Pleno axilizar as xestións para abrir o centro sociocultural do Romaño, que leva dous anos acabado