O BNG advirte que 500 potenciais pasaxeiros diarios quedan sen servizo de bus ao aeroporto
Rubén Cela demándalle ao alcalde que realice as xestións necesarias coa Xunta para adecuar os horarios do bus aos avións con saída temperá
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG require que o Goberno local realice as xestións necesarias coa Xunta para adecuar os horarios do servizo de transporte público cara ao aeroporto da Lavacolla para atender a demanda existente nos voos de primeira hora, que deixan 500 potenciais pasaxeiros diarios sen acceso aos buses lanzadeira entre o centro urbano e a terminal de Compostela.
Os horarios de saída do centro da cidade non proporcionan a marxe desexada de tempo para que as persoas usuarias poidan acceder ao embarque dos avións con saída temperá, explicou Rubén Cela.
Lembra o BNG que a empresa Freire, que presta este servizo, requiriu da Xunta a adecuación destes horarios, pois con esas frecuencias a porta de embarque está pechada e os avións preparados para partir cando chega ao aeroporto a xente que toma os primeiros enlaces de autobús e, polo tanto, nin sequera ten tempo para facturar a equipaxe.
Dende ese escrito rexistrado pola empresa en novembro de 2014, este problema agravouse co tempo, pois na actualidade incrementáronse os voos que parten cedo dende a capital de Galiza cara a outros destinos e, polo tanto, precisan ese servizo público para o desprazamento de persoas na conexión co centro urbano, sinalou o portavoz municipal do BNG.