O BNG require que se poñan en funcionamento os contedores de lixo soterrados que permanecen pechados
O 10 de abril conclúe a concesión de Urbaser sen que o alcalde Martiño Noriega amosase disposición de avanzar na remunicipalización do servizo de limpeza
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2016.- O portavoz municipal Rubén Cela presentou unha iniciativa para que se poñan en funcionamento os contedores soterrados que permanecen pechados en Roxos, na Pontepedriña e nas Cancelas, entre outros, ademais de incidir na necesidade de reposición daqueles que presentan peor estado de conservación e de que garantan as condicións de accesibilidade para facilitar o depósito de residuos.
Deste xeito, reclamoulle ao Goberno de Martiño Noriega que xunto coa empresa concesionaria e da man das asociacións que traballan pola accesibilidade, adopten as medidas necesarias para garantir que as persoas con mobilidade reducida poidan depositar o lixo en contedores. O mecanismo da maioría dos contedores dificulta que as persoas con pouca forza ou peso corporal, así como as de idade avanzada, teñan facilidade para realizar este labor cotiá. Ademais, na maioría de contedores foi retirada a barra inferior nos últimos anos e segue sen repoñerse, o que agrava este problema.
Na iniciativa do BNG demándase tamén que se proceda á incorporación de novos colectores e, cando menos, á reposición dos colectores de lixo que presentan un deficiente estado de conservación, un modelo inadecuado á tipoloxía dos residuos ou unha capacidade que non se corresponde coas necesidades da poboación onde se localizan, co obxectivo de mellorar a limpeza e a imaxe da cidade, ademais de evitar potenciais problemas de salubridade por falta de hixiene urbana.
Rubén Cela pediulle tamén ao Goberno de Martiño Noriega que aclare que ten previsto facer coas concesións externalizadas, tendo en conta que a do servizo de limpeza e recollida do lixo remata o 10 de abril deste ano e ao non abrir un novo procedemento todo indica que procederá a prorrogar o servizo sen estudar, sequera, a posibilidade de avanzar cara a súa remunicipalización.