O BNG propón abrir a parcela pública de Xoán XXIII mentres non se fan as vivendas para a mocidade
Propón retirar o panel de peche para facilitarlle o uso deste espazo á veciñanza e mellorar a imaxe por onde entran milleiros de visitantes á Cidade Histórica
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG proponlle ao alcalde Martiño Noriega que inicie as xestións necesarias para a eliminación do valado e o acondicionamento da parcela pública municipal de Xoán XXIII, mentres non se constrúan as vivendas de protección pública.
Para o BNG, sen renunciar ao proxecto de construción de vivenda de protección pública en réxime de alugueiro para xente moza, cómpre limpar e rozar esa parcela, así como retirar ese panel de peche para facilitarlle o seu uso á veciñanza e contribuír a mellorar a imaxe por onde entran milleiros de visitantes á Cidade Histórica.
Este terreo está valado dende 2007, co proxecto para a construción de 40 vivendas de protección pública cando o BNG tiña a responsabilidade de Vivenda na Xunta, mais a degradación da parcela municipal vai en aumento ao non existir unha previsión concreta para esta actuación.
Lembra o BNG que a presión social e política, coa organización de diversos actos reivindicativos, conseguiu frear o intento de pelotazo urbanístico artellado polo anterior Goberno local do PP, cando a veciñanza compostelá tomou conciencia de que a xente nova, que ten dificultade para o acceso á vivenda, pode ter unha oportunidade de emanciparse se os poderes públicos actúan nesa dirección de ofrecer apartamentos en réxime de alugueiro.