O BNG pídelle ao Goberno de Compostela Aberta que non esqueza as fochancas de Vite
Traslada as queixas da veciñanza para que solucionen de urxencia o mal estado da rúa de Alexandre Bóveda
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2016.- O grupo municipal do BNG, logo de reunirse con veciños e veciñas de Vite, trasládalle ao Goberno de Martiño Noriega un recordatorio para que non esqueza as fochancas da rúa de Alexandre Bóveda no plan de asfaltado, pois senten un agravio comparativo con outras zonas da cidade.
Consideran que teñen os mesmos dereitos que outros barrios onde comezaron as obras de pavimentación e por iso reclaman que solucionen de urxencia os buratos dunha vía que tamén é moi transitada como Alexandre Bóveda e outras da contorna.
Para o BNG, o plan municipal de asfaltado debe atender tamén as necesidades dos barrios para evitar que a veciñanza teña que expresar as súas queixas para reclamar medidas de seguridade viaria.
Cómpre lembrar que as fochancas supoñen un desgaste nas rodas, nos rodamentos e mangos de eixe, nos freos, na dirección, na suspensión e nos amortecedores dos vehículos, entre outros, que poden chegar mesmo a danar a parte baixa do motor e no sistema de escape, de seren moi profundos, máis alá de constituír un risco potencial de provocar accidentes de tráfico.