O BNG advirte que o contrato do Multiusos Fontes do Sar e de Santa Isabel remata o 15 de xuño
Rubén Cela reclama que se licite de inmediato o contrato dos comedores para o vindeiro curso escolar
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, requiriulle ao Goberno local celeridade, seriedade, rigor e antelación na contratación de servizos que presta o Concello como os deportivos, os comedores escolares, os centros socioculturais e os fogos do Apóstolo.
Así, advertiu que o 15 de xuño, despois de 15 anos, conclúe a concesión coa empresa mixta XADE que presta os servizos deportivos do Multiusos Fontes do Sar e no recinto de Santa Isabel. Para o BNG é indispensábel prorrogar formalmente a concesión deste servizo. Sería inadmisíbel, dixo, que o Goberno local de Compostela Aberta fixese o mesmo que nos centros socioculturais, deixar que siga a mesma empresa de xeito ilegal sen contrato. Ademais, Rubén Cela requiriu que na nova licitación se inclúan as pistas de pádel, pois a concesión conclúe en outubro, para que conformen unha unidade xa que, na práctica, comparten prestacións.
Sobre a situación dos comedores escolares, sinalou que é impresentábel que no mes de xuño estean sen licitar despois de todo o que pasou. Como isto non se licite de inmediato, corremos o risco de que os volva coller o tren, advertiu, pois o curso escolar comeza o 12 de setembro e un procedemento deste tipo neste Concello tarda en tramitarse dous meses e medio.
Do mesmo xeito, urxe sacar a licitación dos fogos do Apóstolo para chegar a tempo e cumprir os prazos dos procedementos, sinalou.
Ademais, referiuse á situación irregular que se mantén nos centros socioculturais que están sen contrato dende o 15 de marzo, cun servizo prestado de xeito ilegal. A concelleira de Cultura explicou no Pleno que a intención era manter esta situación coa idea de comezar en setembro co novo curso e cunha nova empresa adxudicataria, explicou. Trátase dun contrato que, pola súa contía de máis de 1,5 millóns de euros, ten que ir ao Diario Oficial das Comunidades Europeas; incluso licitándoo mañá non estariamos a tempo de comezar a prestar o servizo o 1 de setembro cunha situación regularizada cunha nova empresa, sinalou.
Para o BNG é unha irresponsabilidade que este Goberno local non traballe con antelación en temas previsíbeis, pois os Fogos do Apóstolo son todos os anos o 24 de xullo, para os comedores escolares a data do inicio do curso escolar sábese cun ano de antelación e dos centros socioculturais sabíase que o 15 de marzo quedaban sen contrato e que non era prorrogábel, indicou.