Un paseo pola contorna do Sar chamará a atención sobre as augas contaminadas dos ríos de Compostela
A veciñanza de Santiago de Compostela paga no recibo pola depuración das augas usadas, pese a que se verten ao río sen limpar
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2016.- O BNG de Santiago organiza este sábado unha ruta guiada baixo o título A contaminación no Sar, ata cando Compostela sen depuración?, con Xosé Manuel Penas Patiño e Elvira Cienfuegos, especialistas en medio ambiente.
O paseo pola contorna do Sar sairá o sábado 4 de xuño ás 11:30 da depuradora da Silvouta, as persoas que queiran ir e non dispoñan de coche poden quedar ás 11:00 na Facultade de Farmacia. Recoméndase levar calzado impermeábel.
Durante a visita, explicarase que dende hai anos a veciñanza de Santiago de Compostela paga no recibo pola depuración das augas usadas, pese a que se verten ao río sen limpar.
Ademais, darase conta de publicacións sobre análises físico-químicas das augas do Sar e do Sarela, onde se aprecia un elevado contido de nitritos, alta condutividade e redución de osíxeno en disolución, ademais de advertir que tras recibir o vertido principal da cidade de Santiago de Compostela as condicións das augas sofren un drástico empeoramento, ao engadir concentracións moi altas de amonio, fosfatos e sulfatos, o que provoca a desaparición de determinadas especies animais no Sar.
Con esta actividade, enmarcada no Día Mundial do Medio Ambiente, o BNG pretende sensibilizar a veciñanza da necesidade da nova estación depuradora de augas residuais, un proxecto que levan 15 anos sen resolver os gobernos do Estado español e da Xunta de Galiza.