Rubén Cela require medidas para mellorar o funcionamento dos servizos sociais municipais
Demanda que se habiliten mecanismos para evitar o peche drástico dos puntos de atención de servizos sociais durante o verán
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2016.- O portavoz do grupo do BNG de Santiago, Rubén Cela, presentou diversas medidas para mellorar o funcionamento dos servizos sociais municipais ante as queixas recibidas de veciños e veciñas usuarias, tanto da axuda no fogar como da tardanza no cobro das achegas económicas.
Así, fixo referencia á necesidade de que se constitúa o Consello de Servizos Sociais, que aínda non se convocou dende a entrada a gobernar de Compostela Aberta, para tratar de xeito conxunto co sector, co persoal técnico e con diferentes departamentos municipais e doutras administracións as necesidades existentes-
Insistimos na necesidade de dotar o Concello de Santiago dun servizo de inspección e de control dos servizos prestados a nivel municipal, especialmente daqueles externalizados, afirmou. O BNG é defensor da remunicipalización dos servizos e da xestión directa dos servizos públicos, agora ben, mentres non se produce hai un paso previo imprescindíbel, que non se fai, que é controlar o labor das empresas concesionarias para detectar posíbeis deficiencias, advertiu o portavoz nacionalista. No relativo ao servizo de axuda no fogar, os pregos recollen que o persoal técnico municipal poderá en calquera momento comprobar a execución da calidade dos servizos prestados pola entidade prestadora así como recadar información das persoas usuarias sobre o desenvolvemento xeral do servizo.
Deste xeito, o BNG dirixiulle unha pregunta ao grupo de Goberno para saber o acontecido co servizo de axuda no fogar xestionado actualmente pola empresa Valoriza, se se comprobaron as denuncias recibidas no Concello, que conclusións se obtiveron, que medidas correctoras se tomaron ou se pensan tomar, explicou.
O cambio de horarios, de quendas e de persoas coidadoras supón un problema tanto para as persoas usuarias como para as familias, indicou. Tamén imos preguntar sobre o tempo medio para realizar as avaliacións ás persoas que solicitan estes servizos e cal é o tempo medio en materializar o servizo, engadiu.
Ademais, Rubén Cela instou ao equipo de Goberno a adoptar medidas para a tempada estival. Actualmente, préstase atención nos catro puntos de atención de servizos sociais (PASS) de carácter permanente e a maiores aos centros socioculturais vai unha traballadora social unha vez por semana. En época estival, tanto polas vacacións do persoal como polo peche dos centros socioculturais, centralízase en Galeras e iso crea múltiples prexuízos para as persoas usuarias habituais que acoden aos seus centros de referencia, polo que demandamos que habiliten mecanismos para evitar o peche drástico deses PASS, concluíu Rubén Cela.