O BNG exprésalle a súa solidariedade a Laura Bugalho, activista social en defensa de inmigrantes
A formación nacionalista require o arquivo da causa
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2016.- Membros do BNG participaron na concentración de apoio a Laura Bugalho, activista social en defensa dos intereses e liberdades das persoas estranxeiras e das persoas LGBT, que está inmersa nun proceso xudicial tras varias denuncias por suposta estafa, explotación e mafia de trata de inmigrantes. En concreto, a formación nacionalista require o arquivo da causa.
A última denuncia que Laura Bugalho acompañou deu en destapar o entramado de estafa chamado Operación Peregrino, na que 57 inmigrantes marroquís foron estafados na cantidade de 10.000 euros para obter residencia no Estado español.
Membros do BNG que secundaron a mobilización -entre os que se atopaban Goretti Sanmartín, Rubén Cela, Olalla Rodil e Ana Miranda- expresáronlle a solidariedade en nome da organización nacionalista.