XUNTA

O BNG advirte da “débeda acumulada” con Santiago desde que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta

Recortes
Recortes

Recortou as partidas para o Estatuto de Capitalidade e para o Consorcio, necesarias para revitalizar a Cidade histórica

O BNG advirte da “débeda acumulada” con Santiago desde que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta

Entre os compromisos que non realizou: novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, ampliación do Conservatorio de Música, creación do Conservatorio de Danza, residencia de maiores, centro de día ou novas escolas infantís

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG considera que na avaliación feita polo presidente da Xunta diante da súa marcha e os millóns que anuncia para Santiago hai “un engano claro”, porque aparecen cifradas infraestruturas que xa estaban consignadas. Ademais, Goretti Sanmartín, portavoz en Raxoi, advirte da “débeda acumulada” con Santiago e dos recortes desde que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta.

Algúns dos investimentos publicitados nin sequera son para Santiago de Compostela, como os 30 millóns de euros da Cidade administrativa de San Caetano, porque non vai reverter directamente en melloras para o conxunto da poboación, ou a ampliación do CHUS que é importante e necesaria mais a Xunta esqueceu acompañalo da ampliación do aparcadoiro, que vai ser un problema engadido ás persoas usuarias deste hospital.

Fronte a estes anuncios de investimentos realizados no Consello da Xunta, hai outras cuestións que fican enriba da mesa, explicou, pois durante estes anos de Presidencia de Feijóo recortou e conxelou a dotación económica para o Estatuto de Capitalidade. Así, explicou que Santiago ten unha serie de gastos asociados a ser capital do País e existe unha débeda histórica acumulada que o BNG reivindica desde hai anos, “exactamente igual que a Xunta se negou a incluír nos Orzamentos de 2022 un incremento para o Consorcio destinado a revitalizar a Cidade histórica e iso a pesar de participar nesa propaganda dunha choiva de 282 millóns de euros a través do Real Padroado en xullo do ano pasado”.

Ámbito do ensino e social

Sobre estas cuestión relevantes, existen outras demandas históricas para Santiago de Compostela que, ano tras ano, o BNG trasladaba como emendas aos Orzamentos da Xunta e que non se realizaron. Así, citou a nova Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio Profesional de Música “e a demanda do Conservatorio Profesional de Danza, unha reivindicación do ámbito da cultura que xa trasladamos tanto ao Pleno do Concello como ao Parlamento”.

A iso engadiu que, no ámbito social, tampouco están construídas a residencia de maiores, o centro de día ou novas escolas infantís, que son competencia da Xunta e para as que non consignou orzamento por parte do PP na Administración autonómica.

“Ante a posibilidade de termos un Goberno continuísta, pouco se pode agardar do PP no seu compromiso con Santiago de Compostela nestes momentos”, afirmou. “Haberá unha nova alternativa ao PP que representa o BNG e, cando chegue ese momento cunha presidenta do BNG na Xunta de Galiza, serán outros tempos e outros compromisos con Santiago de Compostela”, sinalou. “De momento, é moito máis o debe que o feito por Santiago polo presidente que, nestes momentos, abandona o seu cargo á fronte da Xunta”, concluíu.

 

 

 

O BNG advirte da “débeda acumulada” con Santiago desde que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta