PLENO
O BNG reclama o mantemento dos valados dos edificios abandonados da rúa Alfredo Vicenti, no Castiñeiriño
Recibiu queixas da veciñanza do Castiñeiriño e da comunidade educativa dos centros de ensino da contorna polos problemas de seguranza
Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022.- O grupo municipal do BNG reclámalle ao grupo de Goberno do PSOE que inste á promotora das obras dos edificios abandonados da rúa Alfredo Vicenti a que faga un mantemento dos valados para que non sexan un risco para a veciñanza.
O grupo municipal do BNG recibiu queixas da veciñanza do Castiñeiriño e da comunidade educativa dos centros de ensino da contorna de que na rúa Alfredo Vicenti hai varias obras de edificios abandonados que teñen os valados nun estado de abandono. A xuventude accede e concéntranse nestas obras, que entrañan un risco para a súa seguranza.
Ademais, a veciñanza deu aviso en diferentes ocasións á Policía local que foi desaloxar os mozos e mozas que alí se atopan. Estas obras tamén afectan pola súa proximidade ao parque infantil de Alfredo Vicenti, polo que tamén son un risco para as crianzas e nais e pais que van ao parque polo mal estado en que se encontran.