COMERCIO

Goretti Sanmartín propón máis axudas destinadas ao comercio para contribuír a superar a crise que provoca a alza de prezos

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O BNG defende incrementar a partida económica para os Bonos Corazón xa que serve tanto para favorecer comerciantes como clientela

Goretti Sanmartín propón máis axudas destinadas ao comercio para contribuír a superar a crise que provoca a alza de prezos

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022.- O grupo municipal do BNG propón máis axudas destinadas ao comercio de proximidade, ligadas aos remanentes de tesouraría de 2021, co obxectivo de facilitar a subsistencia de estabelecementos nestes tempos de crise e de contribuír á dinamización da economía local. Tamén propón axudas na mesma liña dirixidas ao sector cultural.

“Independentemente doutros compromisos e propostas aprobadas en Pleno que deben ir na listaxe de fondos dos remanentes, posto que moitas delas son demandas veciñais, é necesario que o Concello de Santiago realice un investimento importante que contribúa a manter os comercios locais de proximidade, tendo en conta as perdas que está a supor a inflación e as dificultades económicas da poboación derivadas dese encarecemento dos produtos”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Deste xeito, o BNG propón incrementar a partida económica para os Bonos Corazón xa que serve tanto para favorecer comerciantes como clientela, ao poder adquirir produtos con desconto como roupa, libros, froita, mobles e artesanía, entre outros, nos estabelecementos de Santiago de Compostela, xunto con negocios de restauración.

Retencións de tráfico

En paralelo, o BNG reclámalle ao Goberno local do PSOE que sinalice rutas alternativas para aliviar os problemas de tráfico no acceso ás superficies comerciais do Polígono de Costa Vella, que causan retencións de vehículos con frecuencia.

Así, o BNG propón que se habiliten rutas desde a rúa Muíña en San Lázaro e desde o cruce da Finsa na N-550, de xeito que se faciliten novas vías de acceso a este polígono, que viu agravados os problemas de tráfico coa apertura de novos estabelecementos comerciais.

Goretti Sanmartín propón máis axudas destinadas ao comercio para contribuír a superar a crise que provoca a alza de prezos