SERVIZOS SOCIAIS

A prioridade debe ser mellorar as condicións de vida das persoas e non tapiar espazos para evitar que durman en lugares de acceso do turismo

BNG
BNG

O Goberno local actúa sobre zonas para quen visita Santiago, en vez de adecuar espazos que a veciñanza demanda para mellorar os seus servizos

A prioridade debe ser mellorar as condicións de vida das persoas e non tapiar espazos para evitar que durman en lugares de acceso do turismo

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- Ao fío da información sobre a intención do PSOE de tapiar as xardineiras da dársena da avenida de Xoán XXIII onde dormen persoas sen fogar, “o BNG quere denunciar a maneira que ten o PSOE de solucionar os problemas, pois diante das persoas sen teito que viven e dormen fóra, propón tapiar un espazo para que non poidan estar alí e se despracen a outro lugar”, advertiu Goretti Sanmartín, cando deberan facer un maior esforzo por parte de Servizos Sociais para atender esta necesidade vital.

Segundo explicou, eses lugares en que demostran unha preocupación especial “son uns dos principais accesos de turistas e entendemos a mala definición de prioridades por parte do Goberno socialista”. “A prioridade debera ser atender esas persoas e conseguir que teñan cama, teito e un lugar onde estar; sabemos que é complicado mais se fixo durante o período de confinamento da pandemia”, indicou, “hai que esforzarse desde Servizos Sociais para que poida ser unha realidade”.

Ademais, sinalou que exactamente igual que “a prioridade teñen que ser as persoas sen fogar, tamén teñen que ser as persoas que residen aquí” e nisto, como en tantas outras cousas, “a prioridade fundamental do PSOE é agradar as persoas que chegan a visitarnos, turistas e peregrinos”. “En vez de pensar en mellorar as condicións de vida das persoas que viven en Compostela todo o ano, o único que está por diante é a prioridade estética de preparar todo para as que van achegarse aquí”, engadiu.

Nese sentido, para o BNG é necesario mudar esas prioridades, porque cada vez proliferan máis as persoas sen teito que dormen e acampan en diferentes lugares da cidade, “cando a solución non é poñer muros, mirar para outro lado, nin actuar sobre zonas para que esteticamente queden bonitas para quen visita Santiago, en vez de actuar sobre espazos que a veciñanza demanda para mellorar os seus servizos”.

 

 

 

A prioridade debe ser mellorar as condicións de vida das persoas e non tapiar espazos para evitar que durman en lugares de acceso do turismo