RESIDUOS
O BNG reclama a inspección da empresa de recollida de residuos ante a falta de persoal que figura no contrato
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022.- O BNG de Santiago reuniuse onte con traballadores de Urbaser e, xunto co resto dos grupos da oposición, escoitou unha serie de incumprimentos de acordos existentes da empresa concesionaria e tamén derivados do contrato en vigor.
Desde febreiro está en vigor o novo contrato de recollida de residuos que, desde a perspectiva do BNG é insuficiente e, aínda por riba, se está incumprindo “en canto ao número de efectivos, porque hai déficit de persoal, non se cobren as baixas nin existen medios materiais e recursos suficientes”. Esta carencia nótase nas rúas porque non hai brigadas suficientes, non se varre onde é necesario e só se recolle o lixo máis voluminoso, explicou.
Ademais, a empresa instalou colectores de vidro para a recollida de materia orgánica, porque non ten os específicos, co que nin teñen as características que lle corresponden nin as facilidades para as persoas usuarias, xa que non dispoñen de pedal para poderen abrir. “Esta confusión pode levar a unha dilapidación de recursos públicos porque algúns dos novos colectores que instalaron non se adaptan aos camións vellos, cando os novos vehículos que figuraban no prego do contrato levan atraso na súa adquisición, e iso significa a súa rápida deterioración que pode repercutir en que haxa que volver adquirir novos contedores”, advertiu.
“Temos unha situación moi complicada e existe unha falta de inspección das empresas concesionarias que o BNG leva demandando, cando nin sequera se cumpren as condicións do contrato ao inicio logo vai ser moi tarde para reverter esta situación”, incidiu a portavoz nacionalista en Raxoi.
“Desde o BNG, solicitamos unha comunicación directa e fluída co persoal da empresa, pois advirte que non se cumpre a bolsa de traballo existente ao non respectar a antigüidade para poder ter posibilidade de optar a contratos indefinidos tras xubilacións parciais ou totais e, sobre todo, que se respecten os pregos”, explicou. Así, reclama a contratación das persoas que a empresa ofertou na adxudicación, que se conforme o número de brigadas suficientes e a utilización de contedores adecuados para cada tipo de residuo.
Ademais, Goretti Sanmartín reclamou unha campaña de sensibilización de reciclaxe, “é evidente que non se pode presumir de políticas ambientais e que por falta de persoal, de tempo e de control da empresa concesionaria ao final o lixo vai todo no mesmo lugar”, sinalou, “en lugares de orgánico recóllese plástico, vai o vidro conxuntamente co orgánico e resulta escandalosa, a estas alturas, a falta de reciclaxe en Santiago de Compostela e a falta de compromiso deste Goberno local para que a empresa concesionaria funcione doutra maneira”.